Compostela, escenario petrificado

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

GALICIA

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O conxunto histórico de Santiago é o resultado esplendoroso dunha arquitectónica e unha urbanística que foron quen de domesticar a xeoloxía escalando a suave topografía e de sortear os acuíferos que basculan sobre dous pequenos ríos, o Sar e o Sarela. Quizais para mitigar a escenografía pétrea, o barroco encheuna de festas e parafernalia decorativa, grandes panos conventuais foron pintados de cores e a ourivería cromática revestiu o interior dos edificios relixiosos.

A partir do século XIX, e ata hai ben pouco, a cidade foise apagando. Co argumento da hixiene petrificouse, descarnando os rebocos para deixar a cachotería á vista, suprimindo vestixios vexetais, ocultando con muretes a rocha emerxente, que é mesmo arquitectura, eliminando as ramplas que facilitaban a mobilidade. Todo se monumentalizou ao modo clásico.

Antes do Xacobeo 93 xa comezara un rexurdimento de Santiago de Compostela e do seu Camiño, coa declaración de ambos como patrimonio da humanidade. A clave da rehabilitación do centro histórico foi o Plan Especial de 1998, que mereceu o premio europeo de Urbanismo.

Co paso dos anos a promoción foise incrementando notoriamente e hoxe os itinerarios e a cidade están mundializados. Un exemplo: en cuestión dun mes, en tres contextos escénicos distintos, a ópera Norma retransmitida desde Londres e dous filmes, o francés Elle e outro portugués, estreado no impagable festival Cineuropa, toman a peregrinación, con maior ou menor acerto, como símbolo.

A Compostela do 2017 converteuse nunha gran palestra que atrae xentes e culturas de todo o mundo. Nas rúas e prazas cada día hai acontecementos, importantes ou intranscendentes, que utilizan a carcasa monumental para actividades e tremoias que interfiren na percepción do seu carácter artístico, cultural e espiritual.

Creo que no século XXI hai que incidir de novo na dimensión habitacional para favorecer a residencia, nos usos do espazo público e a mobilidade, co obxectivo de concertar a relevancia mediática coa convivencia. E, de paso, revisar a cidade como escenario, tanto desde a distancia dos outeiros como desde o cinto vexetal que a rodea, e mesmo no intradorso.

Compostela necesita máis luz e humanización. Pódese controlar o endurecemento dos espazos públicos, rebocar os lenzos conventuais co xogo matizado do branco e resolver a contradición formal que supón conter a discordante sinalética e a xardinería requintada nalgúns lugares e noutros, en cambio, permitir que unha soa árbore deixe caer unhas follas nunha praza pétrea e proxecte a súa sombra móbil segundo as horas do día e as estacións.

Un centro histórico non é unha escultura. Os cidadáns vivimos e transitamos entre eses muros que acougaron as xeracións. Non pode afogarse co exceso de materia, banalizala cunha decoración impropia, nin deixarse deslumbrar polo éxito dos escenarios múltiples e ás veces incultos.

Canto máis icónica é unha cidade, máis necesita a implicación dos seus habitantes na procura dun equilibrio entre o doméstico e o grandioso, porque somos nós quen realmente transmitimos o seu logos.