Reflexo da violencia crecente

Antonio Valle OPINIÓN

GALICIA

02 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Recentemente, os medios de comunicación fixéronse eco dunha pelexa entre dous mozos adolescentes animados por un grupo nunha zona céntrica de Lugo, previa convocatoria realizada a través das redes sociais. Este feito, que pode parecer algo illado e puntual, constitúe un reflexo do aumento crecente das taxas de violencia que está a vivir a sociedade actual e da que todos nós somos responsables en maior ou menor medida. Seguramente haberá voces que digan que esta é unha violencia de baixa intensidade ou que simplemente é unha cousa de adolescentes, pero o día a día estanos dicindo que hai un incremento da violencia nos diferentes ámbitos e nas súas diferentes manifestacións. Está demostrado que a observación da violencia aumenta a conduta violenta, especialmente nos máis novos. Unha sociedade na que se esfuman as liñas e os límites do prohibido e do permitido, do que se pode e do que non se pode facer, do que é bo e do que é malo, é unha sociedade que non está a educar. Trivializar actos como o acontecido na capital luguesa o único que fai é aumentar cada vez máis o limiar de violencia da sociedade, o cal nos está levando a unha certa desensibilización cara ás condutas violentas. E esta especie de disolución das normas, límites e regras de xogo na convivencia parécenos algo impropio dunha sociedade moderna e respectuosa cos demais.

Antonio Valle. Catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación (UDC).