Jorge Suárez: «Vou seguir e non me vou render nunca»

Carmela López
carmela lópez FERROL / LA VOZ

GALICIA

JOSÉ PARDO

O rexedor ferrolán síntese lexitimado polo resultado das eleccións locais e os votos que tivo para ser investido

29 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis cauteloso que en declaracións de días pasados, Jorge Suárez analiza a situación no Concello.

-¿Cal é a situación actual do goberno ferrolán?

-Creo que hai un conflito interno no seo do PSdeG en Ferrol, e, segundo teño entendido, a concelleira Rosa Méndez pediu un arbitraxe para resolvelo, e en tanto iso non suceda eu asumo as sinaturas das diferentes áreas a espera de que canto antes se resolva. Non vou a entrar en batallas no barro político.

-¿Hai algunha posibilidade de reconducir a situación?

-Eu non vou a entrar a resolver conflitos de outra organización que ten os seus órganos de decisión. Xa dixen o luns que prefería manter o pacto de goberno, que necesitamos moitas mans para conseguir levantar esta cidade. As decisións que tomen outros partidos son súas.

-¿E no suposto de que o PSOE de marcha atrás?

-Iso é falar de futuribles e neste momento non é o máis oportuno. Imos esperar os ritmos do PSdeG e, en función do que decidan, nós tomaremos as nosas determinacións.

-¿Teme unha moción de censura?

-Eu estou aquí porque así o decidiu a cidadanía, porque tiven os votos necesarios nunha investidura. O camiño está sendo máis duro do que pensabamos, para min especialmente, porque son unha persoa a que lle gusta a seriedade e o rigor, o traballo e non lle gusta que Ferrol estea no foco por este tipo de circunstancias. Vou seguir e non me vou render nunca, porque creo que o noso programa político é o mellor para a cidade, e trataremos, en caso de quedar poucos concelleiros, de buscar o maior número de acordos posibles con todas as forzas políticas.

-¿O conflito puido afectar á campaña electoral?

-Esa é unha valoración que ten que facer o Partido Socialista. Non me corresponde a min, pero si creo que é unha concellería [refírese á de Urbanismo, de María Fernández Lemos- que, xunto coa Concellería de Cultura, era a mais valorada pola cidadanía, polo que non entendín moi ben que se pretendía con ese movemento. O que si podo dicir é que o escrito onde se facía unha relación de incumprimentos é inexacto. Esta claro que non teñen a mesma vontade dúas concelleiras que outros tres e cando diriman as súas diferenzas e tomen unha decisión a respectarémola e en ningún caso imos cooperar, nin creo que esa sexa a palabra a utilizar, co transfuguismo político.

-¿Podería ter repercusións nos gobernos de A Coruña e Santiago?

-É unha situación diferente porque non teñen pacto de goberno. Insisto, eu teño o máximo respecto para o Partido Socialista. Creo que aínda estamos en unha situación provisoria e cando sexa definitiva asumirei o que decidan respecto ao pacto de goberno. Aínda que a decisión sexa estar na oposición, creo que, o mesmo que co BNG, podemos chegar a acordos para uns orzamentos e para traballar con lealdade e responsabilidade. Do que acontece na Coruña e Santiago realmente non teño coñecemento exacto, porque quero estar centrado nesta cidade. Si colaborei na campaña foi porque era importante para Galicia.