Manuel Lago Peñas: «A unidade da esquerda é ineludible para un goberno alternativo»

Xosé Vázquez Gago
X. Gago A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

EDUARDO PEREZ

O economista e número un da candidatura A Marea do Pobo defende un cambio para «reconstruír o país» tras un Feijoo que «foi o primeiro e o que máis recortou»

15 ago 2016 . Actualizado a las 09:10 h.

Manuel Lago Peñas (Vigo, 1951) vive no barrio coruñés de Adormideras dende 1985. É economista, responsable do gabinete económico de CC.OO. e profesor na Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña. No 2001 foi nas listas da Esquerda de Galicia que lideraba Anxo Guerreiro. Agora encabeza a candidatura A Marea do Pobo, que se presenta ás primarias da Marea Galega.

-¿Por que entra en política?

-Creo que persoas como Manuela Carmena, Luís Villares ou eu mesmo, que non participabamos na actividade partidaria, nos movemos pola urxencia de parar a desfeita causada polos gobernos da UE, España e Galicia, que están rebaixando as condicións e a calidade de vida das persoas. Fai falla abrir un novo ciclo político e iso nos interpela a todos.

-¿Un ciclo nas institucións?

-Si, porque temos que transformar a indignación en poder levándoa ás institucións. Na recesión houbo mobilizacións defensivas, contra os recortes dos servizos públicos, as baixadas salariais... O ciclo de mobilización chegou ata onde chegou, agora fai falla outro ciclo para reconstruír o país e mellorar a vida da xente.

-¿Salva algo do goberno Feijoo?

-Feijoo tivo oito anos para demostrar a súa estratexia. Foi o primeiro en recortar e o que máis recortou. Así Galicia ten menos déficit, pero o prezo foi enorme en termos de emprego e benestar, e Feijoo pode presumir de bo xestor, pero non foi eficiente e a débeda de Galicia pasou de 3.500 a 10.000 millóns. Rompeu a norma de que non se pode gastar máis do que se ten.

-¿Podería outro goberno gastar máis e evitar que suba o déficit?

-Pódese con unha xestión mellor e máis eficiente, promovendo acordos entre empresas e sindicatos para mellorar os salarios, que son claves para a demanda interna, tamén cun uso das marxes fiscais do Goberno autonómico e unha maior defensa fronte ao centralismo. Por exemplo, se Galicia o intenta poderíase reformar o Fondo de Compensación Interterritorial, que pasou de forte inversor a ser marxinal, para incrementar a inversión entre 400 e 500 millóns de euros.

-Na presentación da candidatura pediu colaboración a PSOE e BNG.

-Dende sempre defendín a unidade da esquerda, é pura lóxica. O PSOE non poderá gobernar sen a Marea, e a Marea non poderá gobernar sen un acordo coa esquerda. Por iso a unidade é ineludible, é unha condición mínima. Sen unidade non haberá goberno alternativo. Non pode pasar o que pasou en España, que con máis votos de esquerda, sobre todo en decembro, pode consolidarse un goberno de dereitas pola incapacidade da esquerda, creo que en maior grado do PSOE pero da esquerda en conxunto, de chegar a un pacto.

-O venres pediu un acordo entre Podemos e Marea. ¿Aliviado?

-A base social non entendería outro escenario. O bo de En Marea é que xa existe como forma de ir xuntos e aglutina moitas forzas, actitudes, correntes... Se ese acordo rompera, a frustración xerada sería enorme e tería consecuencias sísmicas, non só en Galicia. A decisión de Podemos foi xenerosa e posibilita a unidade tan desexada.