Camiño de espiritualidade e cultura

GALICIA

Para esa procura do equilibrio entre cultura, espiritualidade e turismo estamos convocados todos, Administracións, Igrexa, os que o andan e, sobre todo, a cidadanía, que debe implicarse na súa protección e valorización

30 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En torno aos camiños de Santiago atopamos hoxe un extraordinario interese económico, mediático, turístico, cunha infinidade de tecnoloxías ao seu servizo. Isto pode tropezar coas expectativas daqueles que buscan na peregrinación unha dimensión transcendente ou unha experiencia transformadora. 

No século XXI o Camiño transmutou a súa natureza eminentemente relixiosa noutra espiritual máis ampla, e pasou de ser unha práctica europea a un fenómeno global. O universo espiritual vai do disfrute persoal e íntimo ao goce compartido, da comprensión á compaixón, da reafirmación da transcendencia ou da súa procura a unha viaxe interior, que vén sendo a sincronía dos tempos, ata atopar un repouso equilibrado na súa simultaneidade. Do que foi, que tal vez xa non se recoñece, do que é, sempre compulsivo, e do que está por vir, que ten o manto do impredicible. Quizais as cuestións espirituais son aquelas que somos incapaces de verbalizar, pero que nos vinculan co xénero humano.

A peregrinación favorece esta viaxe interior porque non é unha travesía do deserto. Está chea de elementos naturais, culturais e sociais que van influíndo no peregrino. Supón o encontro cun mesmo na soidade buscada ou o intercambio e o diálogo en idiomas diferentes cos compañeiros e cos outros peregrinos cos que se coincide fugazmente ou se crean vínculos duradeiros; a preparación en orixe, o esforzo físico das etapas, a dificultade do albergue e as comidas frugais; o contacto coa natureza e a variabilidade climática, que repercuten na percepción do camiñante; o empeño en chegar á meta e a tentación de desistir...

A mensaxe de Santiago enlaza cun espírito paneuropeo, está presente en toda América Latina e mesmo tende pontes coa mística oriental. Nesta orde de cousas, nótase a presenza de representantes doutras crenzas que manifestan con actos e rituais a adhesión aos principios de solidariedade que representa o Camiño.

Sen peregrino nin peregrinación, o Camiño podería equipararse a calquera outra vía onde os vestixios do pasado, nos monumentos e os documentos, sería a única base do seu recoñecemento. A vixencia da peregrinación actualiza, patrimonializa e dálle un sentido ao pasado e é fonte da implantación e creación de novos patrimonios e tradicións.

2021 será de novo ano xubilar. Este feito impón unha consideración sobre o tipo de iniciativas que deben adoptarse para xestionar e sustentar a peregrinación a Santiago e analizar as consecuencias que está a ter sobre Compostela. Se o Camiño se trivializa, a catedral e a cidade tamén, e veríanse abocadas a unha situación difícil de xestionar.

Para esa procura do equilibrio entre cultura, espiritualidade e turismo estamos convocados todos, Administracións, Igrexa, os que o andan e, sobre todo, a cidadanía, que debe implicarse na súa protección e valorización.