Emilio Vázquez Blanco: «Eu marcho por motivos persoais e pídolles a todos que traballen xuntos por Leiceaga»

F. E. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

O vicevoceiro do PSdeG, que entrou en substitución de Francisco Caamaño, deixa o Parlamento ao rematar o seu actual mandato

27 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Emilio Vázquez (Baamonde, 1981) deixa o Parlamento cando remate o actual mandato. Entrou o pasado ano, en substitución de Francisco Caamaño. Con 35 anos, acumula oito de experiencia como secretario provincial da Coruña e vicesecretario provincial. «A política é unha cousa de paso e eu sempre o tiven claro», afirma.

-¿Por que marcha?

-Tíñao decidido desde hai catro anos, cando morreu a miña nai. Logo xurdiron os congresos provinciais e adquirín uns compromisos que sempre quixen cumprir. Agora chegou o momento e quero facer pública a miña decisión xusto cando empezan as asembleas das agrupacións para propoñer candidatos.

-¿Marcha enfadado con alguén?

-Non. Marcho porque a miña parella vive desde hai anos en Lisboa e queremos o reagrupamento familiar. Ela é emigrante forzosa e non pode volver, aínda que quixera. E eu dedicareime á consultoría en Portugal. Eu só deixo amigos. Marcho por motivos persoais e só pido que todos os socialistas traballen xuntos para facer a Xoaquín Fernández Leiceaga presidente da Xunta.

-Deixa o partido dividido.

-É unha pena que despois do exemplar proceso de primarias que vivimos, no que conseguimos volver a poñer ao PSdeG no centro do debate, que se aproveiten determinadas situacións para enturbiar e enrarecer a vida dentro do partido. Unha das cousas das que máis orgulloso me sinto é que ninguén vai atopar unha sola palabra miña nunha rede social falando mal dun compañeiro.

-¿Xa ten relevo?

-Non son tan importante para iso. Somos un equipo e agora tocaralle a outros compañeiros asumir o traballo de planificar as campañas e apoiar ás agrupacións pequenas, que o verdadeiramente necesario nos organismos provinciais.