Xoaquín Fernández Leiceaga: «Espero que Abel Caballero respecte a autonomía de decisión do candidato»

Domingos Sampedro
Domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Sandra Alonso

O vencedor das primarias do PSdeG apela á «unidade interna» para superar a fenda que deixou o proceso

30 may 2016 . Actualizado a las 15:01 h.

O PSOE galego foi quen de dixerir candidatos á Xunta que se forxaron no Partido Comunista, como Touriño ou Abel Caballero. Tamén tivo un criado á beira de Beiras no PSG, González Laxe, e mesmo outro que procedía do CDS de Suárez, chamado Pachi Vázquez. Faltáballe completar o cromatismo co BNG. De alí chegou hai trece anos Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961), que gañou as primarias para ser o cartel electoral dos socialistas.

-Obtivo 3.600 votos e o seu rival 2.900. ¿Como se xestiona agora esta fenda?

-Penso xestionala cunha apelación á unidade interna, creo que hai que facer todo o posible para que o partido, a partir de aquí, funcione como un só. O domingo mesmo fixemos un exercicio de responsabilidade ao comparecer xunto con Méndez Romeu para recoñecer os resultados, porque houbo un apoio elevado á outra candidatura, pero non hai dúbida sobre a lexitimidade da vitoria.

-¿Debe continuar Méndez Romeu como portavoz do PSdeG no Parlamento?

-Foi elixido lexitimamente como portavoz e non hai ningunha razón para que iso cambie como consecuencia das primarias.

-¿A quen lle debe a vitoria?

-Ao apoio de 3.600 militantes aos que me dirixín durante a campaña. Vostede observaría que non houbo fotos corais detrás de min de militantes destacados, non porque non os houbera, que os había, senón porque preferín facelo así. Foron os militantes os que deron a vitoria.

-Home, pero algo farían Besteiro, Formoso, Modesto Pose ou Gonzalo Caballero.

-Na medida en que tiveran algunha influenza puideron usala como estimaron oportuno, pero xa lle digo, foi un exemplo de democracia dos militantes.

-Pois sobre o mapa os datos cantan: gaña con claridade na Coruña, en Lugo...

-Si, si, é certo, e tamén tiven un respaldo moi favorable en Pontevedra e en Ourense, onde os aparatos locais non xogaban ao meu favor. Fíxese que en Pontevedra, descontando Vigo coas súas particularidades, teríamos superado ao outro candidato.

-¿Como vai recompoñer a relación que debe ter co alcalde de Vigo e presidente da FEMP?

-As relacións deben respectar a autonomía de decisión no seu ámbito, e espero que siga facendo o seu traballo coa mesma intensidade coa que o leva facendo, e tamén espero que Abel Caballero respecte a autonomía de decisión que eu poda ter como candidato no ámbito autonómico.

-¿A autonomía sobre que, o discurso, a política de pactos?

-Non, sobre os aspectos nos que tamén poda decidir na campaña. Espero que todos, a partir de agora, nos centremos no fundamental, que son as dúas campañas encadeadas que veñen, xerais e autonómicas, para que o PSOE teña os mellores resultados.

-¿Conversou con Abel Caballero ou intercambiou mensaxes?

-Intercambiar moitas mensaxes con cargos do partido, militantes de base, persoas doutros partidos que se dirixiron a min e mesmo de xente allea ao mundo da política, pero permítame que sexa reservado e non cite a ninguén.

-¿Non lle deixou algunha ferida persoal este enfrontamento?

­-Non, ningunha. Houbo respecto entre os candidatos, e se me deixara algunha ferida, entón non podería dedicarme a isto.

-Parece evidente que gañou as primarias o candidato máis proclive a pactar coas mareas.

-Eu non teño ningunha obsesión coas mareas, penso que é unha obsesión dunha parte do xornalismo deste país, que entendo, pero non comparto. O fundamental é que imos ser alternativa ao PP, que estamos en condicións de obter un amplo respaldo nas eleccións autonómicas, e os das mareas paréceme un tema que está moi sobredimensionado.

-Pois os pactos coas mareas marcaron a campaña das primarias, polas diferenzas que conviven no PSdeG.

-Pois eu creo que un dos eixos da campaña foi si habería ou non renovación no socialismo galego. E o resultado indica que si, porque renovación tamén é aprender a navegar en mares complexos nos que o bipartidismo se esvaece e non está tan presente.

-¿E ante a falla de bipartidismo, pactos entón?

-Eu manifestei a miña disposición a ter unha certa apertura en función dos resultados electorais finais, pero insisto, eu vou a estar centrado en que o PSdeG constrúa un proxecto sólido para gobernar Galicia, porque somos nós os que podemos e sabemos como facelo.

«Sabemos artellar maiorías, os nosos presidentes sempre chegaron á Xunta en coalicións»

Fernández Leiceaga considera un sinsentido participar na mesa do cambio esbozada por Beiras, pero aposta por facer efecto de arrastre sobre os progresistas.

-¿É partidario de formar unha mesa do cambio ou unha fronte común con En Marea e o BNG, como prantexaron Beiras e Carolina Bescansa?

-Iso non ten ningún sentido, nós temos que formar un proxecto renovado e sólido, aberto á sociedade, que entenda as razóns dos electores que nos abandonaron, que sexa capaz de dar una resposta aos grandes retos que ten o país por diante, como o desemprego, a modernización económica, o incremento da desigualdade e a pobreza. Temos que dar respostas a todo isto.

-Pedro Sánchez dixo que, namentres dependa de Podemos, nunca será presidente ¿e vostede?

-Pois é a súa valoración, e ben vimos todos que algún motivo ten para pensar iso.

-¿Pensa que Podemos pode actuar diferente con vostede?

-En Galicia non se dan exactamente as mesmas circunstancias. Aquí temos construída unha certa cultura da coalición, sabemos artellar maiorías, os nosos presidentes sempre chegaron á Xunta con gobernos de coalición. Iso si, cando hai forzas políticas que están empeñadas en erixirse como alternativa ao PSOE, e non ao PP, pois todo é máis complicado, pero confío en que o resultado nos permita ter un efecto de arrastre sobre o conxunto das forzas progresistas para que non se frustre o cambio.

-¿Realmente é posible rescatar o novo Hospital de Vigo?

-Paréceme correcto intentar rescatalo, hai que facelo pola vía da negociación, porque hai contratos asinados que hai que cumprir, pero tamén hai que facelo de forma eficiente, recuperando para o ámbito público un instrumento de xestión complexo que nos permita pagar menos recursos que co actual modelo.

-Pois isto soa a cando as mareas propoñían rescatar a xestión da auga e logo ven que é complexo...

-Nada que ver, é posible facelo, pero pola vía da negociación, que dependerá tamén da concesionaria. Pero é evidente que a situación do hospital é anómala e lesiva para os cidadáns galegos, porque pagamos un tipo de interese moi por riba do que fixa o mercado.

-Como vai compatibilizar a docencia universitaria, coa dirección do IDEGA e a política?

-Do IDEGA vou a dimitir mañá mesmo, as clases remataron e o resto afrontareino reducindo o tempo de lecer e de descanso.