«A utilidade maior non é bloquear a fraude, é que a avaliación é máis xusta»

Tamara Montero
tamara montero REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

M.MORALEJO

A escola de enxeñaría de Vigo usa xa o programa que negocian mercar as tres universidades

06 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o ano 2014, a Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo vén utilizando o mesmo software que van adquirir as tres universidades galegas para detectar o plaxio académico. Utilízano para os traballos de fin de grao, herdeiros dos proxectos de fin de carreira. Rafael Comesaña, secretario da escola, explica que a incidencia de traballos plaxiados é moi baixa, de menos dun 2 %. A principio do último curso, os estudantes son informados de que o seu traballo de fin de grao será analizado mediante esta ferramenta.

-¿Dende cando utilizan este software?

-A todos os alumnos que remataron a titulación de grao nos cursos 2014-2015 e 2013-2014, ademais dalgún estudante de adaptación do anterior título ao grao, se lles aplicou este programa. Como temos un volume moi elevado de estudantes que finalizan é imposible comprobar a man se o traballo é plaxiado.

-¿Por que decidiron utilizalo?

-Para nós é importante porque o título certifica que se teñen adquirido unha serie de competencias. En moitos casos a actividade profesional entraña unha grande responsabilidade e unha actuación errónea pode comprometer investimentos grandes e incluso vidas humanas, como por exemplo o cálculo de instalacións eléctricas de alta tensión ou instalacións químicas. É moi importante que se verifique que todos os estudantes completan a aprendizaxe e acadan o maior nivel de coñecemento.

-¿Cantos traballos teñen pasado polo programa antiplaxio?

-Entre 300 e 320, todos os traballos de fin de grao. E menos do 2 % eran plaxio. Nos traballos de fin de grao é especialmente interesante porque o alumno pon en práctica as competencias durante a carreira.

-¿En que punto se considera un traballo plaxiado?

-Pois falamos de que ten pouca parte de orixinalidade e hai que valorar exactamente que parte coincide, xa que a normativa por exemplo ten que se referenciar, ou se se achega documentación técnica, que pode ser comercial ou facer referencia a normas de diferentes entidades. Hai un tribunal que analiza o resultado dese informe. Se cadra a utilidade maior non é bloquear á fraude, é que se pode establecer exactamente que parte é orixinal do alumno. Por exemplo, pode haber un traballo de 300 ou 350 páxinas e outro só de 50. En principio un pensa que o de 300 páxinas levará mellor nota, pero ao mellor leva moita normativa, moita documentación que non é traballo orixinal do alumno. A análise de orixinalidade permite ver que parte é feita polo alumno e cal non, e así a cualificación é máis xusta.

-¿Que pasa logo de facer a análise?

-É un paso previo e ten que estar a disposición do tribunal. Ademais, os traballos presentados pasan a unha base de datos, que non é pública, para evitar que os estudantes poidan copiarse entre eles. Non nos vale o número que saia desa análise, o tribunal ten que ver o que aconteceu. Por exemplo, se sae un 80 % ou é un plaxio completo ou é un traballo que xa estaba analizado. Ningún estudante tentou defender nunca un traballo copiado, nunca chegaron tan lonxe. Ou non se presentan ou finalmente defenden outro traballo diferente. Un traballo plaxiado non pasa o filtro, é un suspenso e pódese abrir expediente.