Irene Pan: «Ao chegar a sexto de primaria non deben facer máis dunha hora de deberes»

Tamara Montero
Tamara Montero REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

A investigadora en Psicoloxía da Eduación acaba de defender unha tese que demostra que facer tarefas adecuadas mellora o rendemento

15 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No medio da polémica aberta nos últimos tempos pola cantidade de deberes que levan para a casa os escolares galegos, Irene Pan (Oleiros, 1977) vén de defender a súa tese Deberes escolares, aprendizaje y rendimiento académico en estudiantes de Educación Primaria dirixida por Antonio Valle, investigador principal do grupo de Psicoloxía Educativa da Universidade da Coruña e que está a traballar nun estudo máis amplo sobre este tema.

-¿Os deberes son bos ou son malos?

-A conclusión á que chegamos é que é mellor facer deberes que non facelos. A tese é un compendio de tres publicacións nas que se estudaron os resultados de estudantes dos tres últimos cursos de educación primaria de distintos concellos da provincia da Coruña. Queríamos coñecer a relación entre deberes escolares e rendemento académico, a relación entre a motivación dos estudantes e os deberes e que variables persoais tiñan que ver no proceso que seguían os nenos á hora de facer os deberes.

-¿Os deberes melloran o rendemento?

-A maior número de deberes realizados e a maior aproveitamento do tempo, mellores resultados.

-¿Canto tempo pasan os rapaces facendo deberes?

-Xa hai autores que estableceron a regra dos dez minutos, que é comezar por dez minutos de deberes e engadir dez minutos por curso. Ao chegar a sexto non deberan de pasar máis dunha hora facendo deberes. Atopamos que non coincidían os que pasaban máis tempo facendo deberes cos que logo mellores notas sacaban. Había algúns que incluso duplicaban a taxa dunha hora e iso é que teñen algunha dificultade para realizar esas tarefas.

-Deberes si, pero na súa xusta medida.

-O que importaba era a calidade e non a cantidade dos deberes. As tarefas curtas e variadas dan mellores resultados. E tamén é importante que atendan á diversidade dos alumnos, que os profesores adapten o material e as tarefas ás necesidades do neno. Que tampouco é que teñan que deseñar 25 deberes diferentes para os 25 nenos dunha aula. Pero ao mellor o que a uns lles beneficia a outros frústraos.

-¿Hai diferenzas de rendemento dependendo das materias?

-Unha das cousas que máis nos chamou a atención foi que a maior curso menor era o rendemento en matemáticas, e pensamos que podía ser debido á que a medida que aumenta o curso os pais xa non se implican tanto nos deberes dos escolares. Pero seguimos investigando.

-Supoño que a motivación inflúe moito no rendemento dos estudantes.

-Os alumnos pouco motivados aproveitaban menos o tempo e facían menos cantidade de deberes. Ademais, tiñan maior rendemento os que estaban interesados por aprender. Pero se ese interese estaba combinado con medo a fracasar, tendían a non esforzarse para non sentirse menos capaces e os resultados académicos eran peores. Pero isto por exemplo, non acontece na universidade, algo que estudou Antonio Valle: os que teñen medo a fracasar fan as cousas igual.

-¿Castigar ou prometer recompensas funciona?

-Se os castigaban e os premiaban con regalos facían as cousas, pero non tiñan mellores notas.

-E tamén estudou como fan os deberes os rapaces.

-Nese terceiro estudo analizamos o enfoque, se era profundo, se estaban realmente preocupados por aprender e por conectar coñecementos ou se empregan unha técnica memorística para saír do paso. O enfoque viña moi influenciado polo apoio que levaran da casa e dos seus pais. Non os pais que lles berraban ou os controlaban, senón os que os apoiaban e os axudaban a facer os deberes. Eses rapaces usaban o enfoque máis profundo. Tamén influía moito o apoio do profesorado, porque incidía na motivación do neno se o profesor avaliaba os deberes e lles puña nota por eles e lles daba reforzo positivo.

-En conclusión, deberes si, pero adaptados ao alumno e ás súas circunstancias.

-Os deberes teñen que estar adaptados á súa idade e á condición do alumno. Deberan ser tamén tarefas moi curtiñas e variadas porque se non abúrrense. O tempo que lles leva debe ser adaptado á súa idade. Iso tamén permite aos pais implicarse nos deberes dos rapaces. Se son desproporcionados pode crear estrés. E implicarse nos deberes dos fillos permite conectar con eles e ademais saber que están estudando no cole.

-¿Que lle diría aos que opinan que os deberes son contraproducentes?

-Os deberes son malos se son desproporcionados. O que si que habería que facer é traballar mellor a lexislación, porque a orde do 22 de xullo de 1997 si que fala de non facer traballos fóra da xornada escolar. Ao mellor habería que actualizar esa orde pero establecendo unhas pautas para que os deberes sexan beneficiosos.