Breogán Rioboo: «Algunhas persoas non temos prezo. Non dimito porque non debo e sigo por dignidade»

Carlos Punzón
C. Punzón VIGO / LA VOZ

GALICIA

Oscar Vazquez

«Os deputados de En Marea non son os meus deputados, eu son o secretario xeral de Podemos Galicia», afirma o secretario xeral de Podemos Galicia

13 feb 2016 . Actualizado a las 13:46 h.

Non se dá por aludido por máis sinais que lle manden desde Madrid, o elimine Pablo Iglesias do seu grupo de Telegram, ou lle corten o acceso ao correo do partido, como lle sucedeu durante a entrevista. Breogán Rioboo (Narón, 1986) asegura que o regulamento do partido está con el e gran parte das bases tamén. «Non teño prezo», di, nin reparo en sentenciar que a xestora nomeada onte para dirixir Podemos dálle «vergoña» por ter só a dúas mulleres.

-¿De verdade cre que pode contrariar a Pablo Iglesias e gañar?

-Non é cuestión de levar a contraria. É entender que a esencia de Podemos é a capacidade de participar, decidir conxuntamente e que a democracia sexa real. Garantir eses principios é defender que en Galicia teñamos capacidade de decidir que queremos facer para as autonómicas.

-¿Está dicindo que Iglesias non entende a esencia de Podemos?

-Cada un defende o que quer. Eu defendo a postura dun secretario escollido polos inscritos.

-¿Todo redúcese a que os cargos electos queren que se repita En Marea para as autonómicas e vostede non?

-Nunca me posicionei. Podemos ir sós; nunha confluencia que cumpra coa democracia real, participación, transparencia e igualdade, ou con En Marea, pero compete aos inscritos dicir que queren facer. Si esas catro cuestións non están garantidas, creo que Podemos Galicia non debe participar nesa confluencia.

-Nótase que En Marea non é o que máis lle gusta.

-Nas xerais interpretáronse dun xeito laxo os estatutos non facendo unha nova consulta para que a xente de Galicia exclusivamente referendase a coalición, e isto non pode volver a pasar.

-¿Quen foi infiel aos estatutos?

-Cada un responde do seu respecto aos documentos. En En Marea púxose a capacidade de decisión no secretario xeral estatal e no consello cidadán estatal.

-¿Conseguiu xa facerse co documento do pacto de En Marea?

-Hai dous documentos, e o do documento político, que eu quería que fose transparente, a día de hoxe efectivamente sigo agardando a que me confirmen se teño o definitivo ou non.

-Ufff! ¿Como explicar que o líder dun partido non teña o papel que o liga nunha coalición?

-O estou agardando, como lle pasa a Alberto Garzón [IU].

-Vostede asegurou aos secretarios locais que está sendo moi presionado para dimitir. ¿Sente que Pablo Iglesias lle está dando un golpe interno?

-Non é que eu non queira dimitir, e que non debo dimitir para garantir a democracia interna. E o fago porque a xente o que transmite e que quere decidir. As presións para que dimita son palpables e notorias, pero afronto os obstáculos sabendo que a xente agarda que eu sexa o que garanta os principios da nosa organización. E tamén o de igualdade, que por certo, dáme vergoña que un 75 % do equipo técnico [xestora] nomeado sexan homes.

-¿É unha xestora equilibrada?

-Non creo que o sexa territorialmente, e menos en igualdade. É unha vergoña que Podemos non se debería permitir.

-¿Nin lle consultaron, entón?

-A secretaría de Organización nomeou en base aos seus criterios, pero tiñan que estar moito mellor analizados e terse garantidos cuestións básicas, porque non basta con falar de nova política, senón que hai que facela.

-Pois non hai nada máis vello en política que a pelexa por postos e Podemos está nela.

-Algunhas persoas poden estar nela. Eu non e o consello de coordinación ratificado tampouco.

-¿Os seus críticos si?

-Acumular cargos sen parar ten que ver coa vella política. Que haxa dous, tres cargos orgánicos e a maiores cargos institucionais, percibo que ten que ver co vello. Eu só teño un cargo orgánico.

-¿Ofrecéronlle un posto en Madrid a cambio de dimitir?

-En ningún caso vou facer ningún traballo en Madrid. Si se insinuou que eu puidese ter facilidades, si estaba de acordo con isto, de concorrer a unhas novas eleccións internas e ser apoiado por xente da executiva estatal. Pero algunhas persoas non temos prezo, a miña dimisión tampouco.

-¿Pero con tanto na contra, por que non o deixa?

-Por dignidade. Temos estatutos e documentos que me avalan para esixir que a xente de Podemos en Galicia poda decidir, aínda que Pablo Iglesias prefira seguir con En Marea.

-Pasou medio cento de días desde as eleccións, dígame tres iniciativas dos seus deputados

-Presentouse unha iniciativa para o recoñecemento do Estado palestino...

-Non, non, digo dos deputados de Galicia.

-Ah!. Eses non son os meus deputados, son os de En Marea. Eu son secretario xeral de Podemos.