«O relevante é que Feijoo ve a En Marea como o inimigo, non perder escanos»

GALICIA

XOÁN A. SOLER

Sánchez di que o BNG ten as portas abertas, pero advirte que En Marea non mudará o camiño que encetou nas locais e nas xerais

30 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Novo viceportavoz de AGE, e con Beiras único membro de Anova no grupo parlamentario, Antón Sánchez defende que o relevante politicamente é que Feijoo ve En Marea como rival a bater nunhas autonómicas para as que di que o BNG ten a porta aberta, pero coa folla de ruta da coalición que ve como a «alternativa clara» ao PP.

-As xerais disparan as expectativas de En Marea para as galegas.

-Percibimos que hai unha porcentaxe moi ampla de xente que quere un cambio, que se decatou de que este sistema prexudica ás maiorías e que os que gobernan o fan para as maiorías. Os colectivos agredidos queren ter voz e votan opcións que representan iso. Despois dos resultados das xerais, podemos disputarlle a hexemonía ao PP en Galicia.

-Pero, coincidindo con ese ascenso electoral, empezan a xurdir voces discordantes na coalición. En Podemos hai quen aposta por ir en solitario ás eleccións galegas.

-Non é un proceso fácil. Hai que unir á diversidade en moi pouco tempo. Todo está pasando moi rápido. Pero estamos nisto para desaloxar a un sistema de poder que xoga moi duro. Ante iso, a única forza que temos é a unidade e a confluencia. Hai que mellorar, recoñecer erros, pero sempre avanzando, como ata agora.

-Un deses erros pode ser que En Marea teña quedado sen grupo no Congreso. ¿Non lle permite iso a Podemos capitalizar os resultados da coalición en Galicia?

-Nós temos un vieiro, representamos un proxecto que represente a esquerda en Galicia. E nese camiño temos cuestións que poden saír mellor, pero tamén sabemos que o inimigo que enfrontamos non ten escrúpulos. É unha guerra política contra un inimigo que non poden controlar, En Marea, e que lles preocupa porque pon en cuestión o seu poder. Foi unha decisión política.

-Votantes de En Marea poden sentirse traizoados por non ter o grupo propio que se prometera.

-Sempre facemos moita autocrítica. Hai que mellorar a comunicación. Temos que artellar en En Marea mecanismos de rendición de contas, para que a nosa xente teña claro o que se vai facendo. Mellorar a interconexión coas 400.000 persoas que nos apoian, e serán máis no futuro.

-De cara a ese futuro, ás autonómicas, En Marea abre aos afiliados do BNG unha porta que está pechada para a organización.

-O camiño da confluencia está iniciado. Non o cuestionamos e estamos abertos a sumar. O que non tería sentido é comezar de cero, pero sempre coas portas abertas para sumar máis forzas.

-Xa, pero o intento das xerais non callou. Tampouco houbo moito interese polas dúas partes.

-Si había interese. As diferenzas políticas son respectables. Había cuestións que diferenciaban os proxectos. Nós apostamos por dar continuidade ás mareas municipais e que se sumasen organizacións, pero non estamos dispostos a cambiar de proxecto estratéxico. Hai que desdramatizar. Os resultados evidenciaron a aposta das clases traballadoras, da xente moza, dos que sofren explotación ou exclusión social.

-Pero moitos en En Marea veñen do ámbito do BNG. Semella que as feridas de Amio non cicatrizaron.

-O que nos diferenza é que para chegar a un mesmo sitio escollemos diferentes camiños, pero non penso no pasado. Hai un cambio evidente do que queren determinadas maiorías sociais, que podían estar antes na esquerda e no nacionalismo. E nós non miramos cara atrás. En Galicia o que queda é o PP en decadencia, con casos de corrupción que lle afectan transversalmente, e unha alternativa clara, que é En Marea.

-O despegue de En Marea coincide co devalo de AGE no Parlamento. Só conserva 6 dos 9 deputados, dos que tan só quedan de Anova vostede e Beiras.

-AGE abriu un camiño. Foi feito moi rápido e con enorme éxito, porque atinou co diagnóstico. Temos que facer autocrítica, mellorar no funcionamento e avanzar. Anova non se quedou pechada. Despois de AGE apostamos polas mareas. É unha organización que reacciona e pon os obxectivos da sociedade por enriba.

-¿Quere dicir que dan por bo que AGE perda escanos con tal de que medre o proxecto electoral?

-Nunca dixemos que fose bo. Pero non analizamos no cuantitativo, senón no que somos capaces de transmitir no Parlamento. Feijoo fixo oposición a En Marea no último pleno. O sistema xa nos ten detectado como o inimigo. Iso é o politicamente relevante.