Carlos Callón: «Non está claro que En Marea sexa receptiva co BNG»

Serafín Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O cabeza de lista de Nós por A Coruña di que para o Bloque é prioritario analizar os motivos da perda de apoios nos últimos 15 anos

22 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Perfil en alza no Bloque, Carlos Callón aposta por buscar solucións para que o proxecto nacionalista volva sintonizar coa sociedade, pero amósase escéptico sobre a conveniencia dunha alianza con En Marea para as autonómicas. «Tentouse durante seis meses e non se conseguiu», lembra.

-Os resultados das xerais son malos, pero a deriva electoral vén de atrás. ¿Cal é a súa análise?

-Os resultados foron negativos. Continúa un ciclo no que o nacionalismo galego non ten suficiente forza para contribuír ao ben do país, e toca reflexionar. É certo que o contexto destas eleccións non era o mellor, pero o importante é o que estaba na nosa man facer e non fixemos. Os candidatos e a marca nomeáronse 40 días antes. Houbo persoas que despois do 20D me felicitaron porque pensaban que era un referente de En Marea. Pero é un momento de volatilidade. Unha persoa pode votar en eleccións diferentes por distintas opcións.

-A anécdota que comenta é ben significativa. ¿Pensa que o camiño é que o BNG se converta nunha forza referente de En Marea?

-Temos que mirar a forma de revitalizar o proxecto, os problemas para sintonizar coa sociedade e que vexa atractiva a nosa proposta. E reflexionar sobre as causas polas que o BNG foi perdendo apoios nestes 15 anos. Ás veces escoitase cara fóra unha disxuntiva que non vexo dentro. Cara fóra fálase de ir con En Marea ou en solitario ás galegas. E dentro o debate é tentar corrixir os erros, resintonizar coa sociedade e ver que política de alianzas pode haber. Para as xerais houbo un intento como o que se propón, e fracasou. Tamén é importante ver que En Marea está nunha situación que non é clara sobre o seu futuro. Galicia necesita unha forza propia e autónoma, que pode ter unha política de alianzas electorais.

-Fala de renovación, pero xa se intentou sen éxito para as xerais.

-A clave é que chegamos tarde. Teremos que dar novos pasos nesa dirección, aggiornar o discurso, e rachar cos sambenitos contraditorios que nos poñen enriba.

-¿Como cales?

-Ás veces din que somos os máis radicais, e outras que só queremos coche oficial. Temos que romper eses clixés. Pero o certo é que a renovación chegou tarde. O BNG actuou con xenerosidade, pero sen resortes suficientes para chegar á sociedade. Hai unha simpatía que non se traduce en voto, xente que di que a súa opción é o BNG pero que nas xerais optou por outras forzas. Pero xa digo que hai moita volatilidade. Moitos pensaban que En Marea era unha opción máis útil e xa vemos o que pasa.

-Pero En Marea medra electoralmente a costa de conquistar terreo no ámbito do nacionalismo.

-Debemos conseguir que a xente volva confiar no nacionalismo.

-Vostede pode ser protagonista nesa renovación. O seu é un perfil en ascenso. Estará nas quinielas, tamén para a portavocía nacional.

-Agradezo que se pense en min, pero aposto por unha muller. Espero que o futuro se escriba en feminino. Eu asumo a responsabilidade que tomei nas xerais.

-¿Algún nome para a portavocía?

-Hai varios que se me pasan pola cabeza, pero prefiro respectar o debate interno. Tamén se fala das posicións monolíticas da UPG. Non é así. Son militante e vexo unha pluralidade de voces, acorde ás distintas sensibilidades. Debatemos sen tabús.

-Tal vez a UPG amosa maior cautela por ser máis consciente de que o proxecto nacionalista pode acabar diluído en En Marea.

-Pero iso non só o escoito na UPG, tamén en persoas de Abrente, de Movemento Galego ao Socialismo e nos que non están en ningunha corrente. En parte, porque hai xente frustrada polo que pasou con En Marea. Non está claro que por aquela parte haxa unha receptividade ao proxecto do BNG. Tentouse durante seis meses e non se conseguiu. Pero non é so problema de estratexia electoral. Hai un problema de fondo cando levamos 15 anos perdendo apoios.