Francisco Jorquera: «Non haberá tutelas da UPG no debate sobre o futuro do BNG. Somos 7.000 sensibilidades»

Serafín Lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

monica ferreirós

Jorquera sostén que adiantar a decisión de ir ou non con En Marea ás galegas é poñer o carro diante dos bois

20 ene 2016 . Actualizado a las 09:16 h.

O portavoz do BNG no Hórreo, Francisco Jorquera, chama a un debate «sen medos» para reforzar o proxecto nacionalista para que volva ser visto por unha parte ampla da sociedade como «unha ferramenta para o progreso do noso país». Defende que o debate sobre ir ou non con En Marea as autonómicas debe ser secundario, polas «incertezas» nas que está inmersa esa coalición. Iso si, asegura que a UPG non tutelará ese proceso interno. «No BNG hai 7.000 afiliados con 7.000 sensibilidades diferentes».

-As xerais afondaron na debacle do BNG que se iniciou tralas escisións de Amio. Non dan co antídoto para frear a hemorraxia.

-Son uns resultados moi malos, sen ningún paliativo. Pero tamén hai circunstancias políticas que escapan ao BNG e que os explican. Foron as eleccións máis televisivas e nunha clave enormemente estatal. Só faltou meter aos catro candidatos na programación infantil. O BNG quedou nunha posición de maior fraxilidade coas escisións de Amio. Pero non botaremos a culpa ao empedrado. Temos que analizar a fondo as cuestións nas que podemos incidir e resintonizar coa xente que tiña no BNG un referente político. Nesta asemblea toca falar a fondo dos cambios a abordar para conseguilo.

-Xavier Vence ven de anunciar que deixará a portavocía nacional nesa asemblea do 28 de febreiro. ¿Pensa que bastaría con renovar a dirección para corrixir o rumbo?

-Sería totalmente inxusto fixar os problemas do nacionalismo galego na persoa que aínda ocupa a portavocía nacional. O que dixo Vence é que a asemblea ten que ser o marco para estas reflexións, e tamén para a renovación. O BNG xa fixo un esforzo de renovación na última asemblea. E hai que seguir. Pero o fundamental é o debate de ideas. Ninguén pretende responsabilizar a Vence da situación. Tivo a valentía e o compromiso de ser portavoz nacional nun contexto moi difícil.

-Pero esa renovación da que fala non serviu para resintonizar coa sociedade. ¿Cal é o rumbo que ten que coller o BNG?

-Eu son respectuoso cos procesos internos, e non pode utilizar esta entrevista para influír nun debate que temos aberto entre todos. Porque neste proceso toda a militancia terá oportunidade de facer as súas achegas. Pero si fago unha reflexión. O nacionalismo galego sempre tivo capacidade de reinventarse. Hai cen anos que se crearon as Irmandades da Fala. Hai que aprender da historia. O que hai que asegurar é a pervivencia do proxecto nacionalista e non ter medo aos cambios que haxa que facer. A asemblea ten que servir para abrir unha nova etapa, pero o fundamental é garantir a pervivencia do proxecto nacionalista.

-¿De qué xeito? ¿Estase falando abertamente de refundación?

-É un tema sobre o que temos que reflexionar. Non debe haber tabús. Hai que buscar a mellor maneira de reforzar o proxecto nacionalista. Non hai que ter medo, pero tamén hai que ter en conta cales son os tempos. Estamos nun momento de enorme volatilidade política é cunhas eleccións galegas e pode que con outras xerais neste mesmo ano.

-¿Non é entón o momento de debater a desaparición das siglas?

-A cuestión fundamental é o proxecto, non as siglas, conseguir que sectores da sociedade que vían no nacionalismo unha ferramenta para o progreso do noso país resintonicen co nacionalismo. Non hai que facer das siglas un tótem en ningún sentido. Nin son intocables, nin a solución é cambiar de siglas.

-Vence comparte esa mesma análise sobre a prioridade de que o BNG sexa visto de novo como forza útil para o cambio político, pero avoga por explorar unha alianza técnica con En Marea.

-É lexítimo que cadaquén concrete as súas propostas para reforzar o proxecto. Pero á hora de abordar todas as reflexións, é importante non poñer o carro diante dos bois. Hai que analizar a situación, afrontar as reformas que teñamos que facer e logo concretar a nosa proposta electoral. Adiantar se hai que ir a unha alianza técnica con En Marea ou non é empezar a casa polo tellado. Porque en torno a esa coalición hai incertezas que non nos corresponde a nós clarexar. Hai voces en Podemos que falan de ir en solitario as eleccións. E ante a eventualidade de que En Marea non poda ter grupo no Congreso, haberá que ver con quen se integran [finalmente conformarán un grupo parlamentario único con Podemos]. O BNG non pode supeditarse a propostas doutros, ten que concretar as súas. A nosa ten que ser que Galicia necesita un proxecto nacionalista propio. Iso non quere dicir que, en determinadas circunstancias, non se poda optar por unha alianza puntual. O BNG ten que ser un axente activo que faga posible a derrota do PP. Pero ese cambio non virá por substituír un bipartidismo vello por outro novo, senón por acordo dunha pluralidade de forzas.

-A UPG non é partidaria de alianzas con forzas non nacionalistas. ¿Volverá a ser determinante o seu peso para resolver este debate?

-Esa é unha simplificación. No consello nacional houbo moitas opinións e son absolutamente transversais. Non hai unha alineación con que a UPG defenda de xeito monolítico unha posición e outros outra. Non haberá tutelas da UPG no debate sobre o futuro do BNG. Somos 7.000 sensibilidades.