Daniel Bernardo: «Érgome ás seis e media da mañá para poder estudar galego»

Suso Varela Pérez
Suso Varela LUGO / LA VOZ

GALICIA

SUSO VARELA

Este rapaz nado en Lugo, o único alumno de galego en 1º de Bacharelato en Vilafranca, lamenta que a Lomce o relegase a materia extraescolar

10 dic 2015 . Actualizado a las 23:31 h.

Daniel é un rapaz de 16 anos coas ideas ben claras. Fillo de pais galegos -el de Xermade, ela de Vilalba- que se instalaron hai 14 anos en Vilafranca do Bierzo ao ser trasladado seu pai por motivos laborais desde Lugo. Mamou o galego na casa, pero grazas ao programa que teñen en marcha a Xunta e a Junta de Castilla y León desde o 2001 puido recibir clases de galego no colexio e no instituto. Mais agora, coa aplicación da Lomce, o galego no Bacharelato quedou relegado fóra do horario escolar e pasou a ser de libre configuración. A consecuencia viuse na matrícula deste ano. Onde o pasado curso había 32 alumnos de 4º da ESO que estudaron galego nos catro institutos do Bierzo, este ano só seis deron o paso de matricularse en en 1º de BAC, cinco no Iesve de Ponferrada e un en Vilafranca, Daniel Bernardo. O seu caso chegou ao Parlamento de Galicia, xa que entra en clase ás 7.40 horas.

-¿Por que ten ese horario?

-Había dúas opcións, ou comezaba unha hora antes co resto de compañeiros, ou se poñía ao remate das clases, de 14.30 a 15.20. Loitei desde o Consello Escolar pola segunda opción, pero ao final o centro decidiu poñer as clases ás 7.40 horas, tres días á semana. E o próximo ano serán catro.

-¿Por que é o único alumno?

-O pasado ano eramos 14 compañeiros de galego en 4º da ESO. Pero este ano, a metade deles son de aldeas de fóra de Vilafranca e como non hai transporte a esas horas, xa non se matricularon. E os outros viven na vila, pero lonxe do instituto, co que ir a pé ás sete da maña e en pleno inverno, ¡tenche que gustar moito o galego! Eu teño sorte, que vivo ao lado. Aínda así, érgome pasadas as seis e media da mañá para poder estudar galego. Podían poñer as clases pola tarde, cando tamén veñen alumnos a clases de apoio, pero non quixeron.

-¿Que o anima a estudar?

-O galego é a miña lingua materna. Levo 14 anos no Bierzo, síntome de aquí e vexo que na miña contorna tamén se fala galego, entón creo que é un dereito que poida estudar galego.

-¿E que lle din os compañeiros?

-É que eu cruzo a Alameda ás sete e media da mañá e só vexo peregrinos, mentres que para eles é un problema vir a esas horas a clase, aínda que tamén me din que son un revolucionario (risas). Si teño o apoio dos amigos, dalgúns profesores, de xente externa ao centro e da familia.

-¿Hai atrancos á hora de poder estudar galego no Bierzo?

-É que o problema é que non hai conciencia xeral, non hai debate, a xente do Bierzo no se move, cando estudar galego é unha proxección enorme para o futuro. Sempre lles digo aos meus compañeiros que se estudan galego ábreselles as portas do mercado laboral de Galicia e mesmo de Portugal e Brasil. Creo que sabendo galego, os rapaces do Bierzo poderán ter unha vida mellor, é unha oportunidade que che regalan. E non é tan difícil, porque os seus avós e os seus pais falan e entenden o galego. Paseas por Ponferrada e escoitas galego por todas partes. Moita xente non entende que o galego é sumar, o único argumento que empregan é que o Bierzo está fóra de Galicia. Vexo que hai moitos pais pasivos. Se acabas a ESO estudando galego consegues un Celga 2 e se o fas no Bacharelato podes obter un Celga 3, co que tes unhas competencias lingüísticas e posibilidades de optar a ofertas de emprego.