Música galega e cubana para despedir ao «xornaleiro» das letras

GALICIA

Alonso Montero e o músico Roi Casal loan a figura de Neira Vilas nun homenaxe en Bonaval, no que coincidiron Feijoo e Touriño

29 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo institucional e académico de Galicia rendiulle este sábado unha sentida homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas, falecido na noite do pasado xoves, cuxos restos mortais son velados na capela ardente instalada na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago, de onde sairá o féretro ás 16.30 horas con destino a Vila de Cruces (Pontevedra) para ser soterrado. Dende Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, ata o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, eloxiaron a figura do «xornaleiro» das letras, que foi despedido con música galego-cubana á que el mesmo lle puxo letra.

Teño un amor en Cuba / nesa linda terra / unha muller bonita / alegre e sandungueira. Este estribillo, cantado e musicado por Roi Casal, sonou este mediodía no templo donde repousan os galegos ilustres para conectar as dúas orilas que marcaron a personalidade de Neira Vilas, a galega e a cubana. Porque Cuba era «su patria paralela», como lembrou no acto o cónsul xeneral de Cuba en Galicia, José Antonio Solana. Esa illa era a terra de Anisia Miranda, a muller de Neira, falecida hai seis años, a quen o escritor dezano lle escribiu as palabras desa peza, Amor cubano, que Roi Casal presentou en sociedade.

Alonso Montero fixo unha semblanza pola biografía trasatlántica de Neira Vilas, coetáneo seu, e dixo que máis que a familia, aos amigos ou aos camaradas cubanos, o pésame polo pasamento do escritor había que darllo «a Balbino, a todos os Balbinos, porque perderon o seu cronista».

Pola capela ardente desfilaron esta mañá persoas da vida municipal, como a concelleira compostelana Branca Novoneyra, ou do ambito autonómico, como a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que tivo oportunidade de intercambiar algunhas impresión co seu predecesor en Monte Pío, o socialista Emilio Pérez Touriño, pois abandonaron xuntos a igrexa de Bonaval conversando amigablemente.

D.S.

Feijoo aludiu a Neira Vilas co apelativo que se atribuía a sí mesmo o propio escritor. «Son un xornaleiro das palabras», gustaba decir. E o presidente autonómico repetiuno, ao tempo que falou dun persoeiro que debe ser «guia da cordialidade galega», o escrito de todos e, sen dúbida, o máis lido das nosas letras, porque «calquera que lera Memorias dun neno labrego pode verse reflectido nel», sinalou Feijoo.