Xosé Luís Armesto : «O novo reitor vai ter unha situacion mellor que a destes anos»

R.García / P. Portabales A CORUÑA / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A Xunta dotará de liquidez económica á UDC «para rematar o 2015»

09 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco máis de tres meses. É o tempo que lle queda a Xosé Luís Armesto (A Coruña, 1948) como reitor da Universidade da Coruña. A situación económica ocupará parte dese tempo. Onte mesmo, o equipo de Goberno reuniu aos decanos «para explicar cal é a situación. Imos levantar as restricións de gasto, pero imos recortar as partidas orzamentarias», adiantaba Armesto.

-¿Con que sensación marcha?

-Encantado. Para min é unha experiencia marabillosa. Ter chegado, xa cerca do final da miña vida académica, a ser reitor da universidade da cidade na que nacín e na que traballei para min é unha honra extraordinaria.

-¿Que lle quedou sen facer?

-Sempre queda algo, pero tes a obriga de buscar solucións alternativas. Se non podes ter unha residencia no campus de Elviña porque a Xunta muda de opinión, tes que buscar alternativa, como fixemos en Ferrol e estamos a piques de solucionar en Coruña. Se a docencia de Medicina se estanca, pois é cuestión de perseverar, e despois de moitos anos temos acordo, que non é satisfactorio para todas as partes, pero temos un acordo.

-¿O peor foi a política?

-¡¡Non!! A política é marabillosa... A res pública é o máis importante para min.

-A residencia universitaria da Coruña desatascouse por afinidade política ¿non?

-Iso é relativamente certo, porque coa corporación provincial anterior tamén se iniciaron as consultas e as pararon porque se meteron as eleccións polo medio.

-¿Cal foi o peor momento?

-A morte dun estudante de Erasmus, e tres policías, na praia do Orzán. Acababa de tomar posesión como reitor.

-Para o conselleiro o novo plan de financiamento está acordado...

-Acordado é un pouco esaxerado. Algunhas reunións houbo, pero a Administración autonómica acaba presentando a súa opción, con acordo ou sen el. Co plan de financiamento si se soluciona a reivindicación dos últimos anos da UDC de que se cambiaran os criterios do fondo estrutural, para que sexan en base a canto é o custe de impartir un grupo de docencia. Aí chegamos a un acordo e a Administración autonómica replantexa a súa situación. Agora queda ver a cuestión do reparto por obxectivos, onde esperemos que os indicadores que se usen sexan os adecuados. Iso permitirá que a Administración autonómica nos dote de liquidez para rematar o ano, un pouco a conta do ano que ven.

-¿Un «marrón» para o que veña?

-Ao contrario. Penso que vai ter unha situación mellor da que tivemos estes anos, coa que a Universidade da Coruña nunca estivo conforme.

-Julio Abalde, que soa como o seu sucesor, di que hai que falar de proxectos non de persoas...

-O proxecto sempre é o mesmo, a defensa da universidade pública de calidade dentro do sistema universitario galego.

-A maioría dos que se presentaron contra vostede nas últimas eleccións están agora xuntos, ¿que lle parece?

-É bo. Canto máis se clarifiquen as opcións, mellor para todos, porque así teremos máis claro cal é a aposta que podemos elixir.