Desde o pensamento desarticulando a violencia

Aurora Rozadilla PSICÓLOGA DE EMERXENCIAS

GALICIA

01 ago 2015 . Actualizado a las 13:00 h.

Nestes días convulsos, nos que temos como nova a morte, resultado do sen sentido, de dúas inocentes vítimas, o esforzo de toda a sociedade quizais deba centrarse en afastarse máis e máis da rabia, do desquite, etcétera, e de calquera das emocións negativas, que sen ningunha dúbida alimentan a escalada da violencia pola violencia. Desde o punto de vista psicolóxico, os acontecementos negativos que acompañan un suceso de alto contido emocional interveñen de forma tamén negativa, podendo empeorar, no futuro, o proceso de recuperación das persoas afectadas.

Resulta, xa que logo, moi difícil sobrepoñerse a acontecementos críticos, cando subxacen sentimentos extremos e do polo oposto que empurran, por exemplo, cara ao odio ou á vinganza. Todos estes factores negativos paralizan ou enlentecen a evolución de calquera dó e poden ser alimentados cos comentarios, coas novas, coas opinións, que se dirixen por esa banda.

Reflexionando desde este enfoque e tendo en conta a intensa dor ocasionada por este desgraciado incidente, en maior ou menor medida, a un importante número de persoas, resultaría beneficiosa a participación cidadá e tamén dos medios de comunicación desde a vertente positiva, apoiando e facilitando que os seus familiares máis achegados teñan a intimidade necesaria e a oportunidade de non complicar a súa dor.

Como propoño no título deste pequeno escrito, a primeira barreira á violencia podería comezar por desbotar os pensamentos que en si mesmos van dirixidos a potenciar violencia: todos aqueles que alimentan odios, desexos de vinganza, e que poden chegar a propiciar actos violentos.

Como contrapartida, a reflexión sobre os acontecementos en sentido positivo de busca de predispoñentes e potenciadores do desenvolvemento da violencia no ser humano, ata o extremo de poder chegar a quitar a vida aos teus propios descendentes, ábrenos un camiño á busca de solucións para erradicala.