Carmen Santos: «A xestión de Podemos en Galicia non é transparente nin participativa»

s. lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

XOÁN A. SOLER

Critica que o proxecto deriva cara un partido máis e reclama voltar ás oríxes

20 jul 2015 . Actualizado a las 19:29 h.

Foi a persoa máis votada para o Consello Cidadán de Podemos en Galicia. Pero a viguesa Carmen Santos, politóloga que traballa no CSIC, dimite da primeira liña, como a metade da comisión de garantías. Di que marcha por desencanto cunha xestión en Galicia que considera escurantista.

-¿Por que deixa a dirección?

-É unha decisión que levo xestando hai meses. Considero Podemos unha ferramenta fundamental de participación. Pero comecei a traballar e vin que non tiñamos a mesma idea de proxecto. Non teño militancia política previa, son politóloga e sei como son as dinámicas internas, e pensei que a mecánica tiña que ser distinta. E funme desgastando, porque a xestión en Galicia non é transparente nin participativa.

-E o sistema de primarias sobordou a paciencia.

-Foi o detonante. Pero non é certa a versión oficial de que dimito polas primarias. Sempre pedín apertura. Tamén din que quería ir na lista de Pablo Iglesias. Marcho por coherencia, non por interese. Veño dun nivel profesional altísimo e estou desgastada. Ocultáronme o proceso.

-Non agardaron ás primarias para saír, como farán os críticos.

-Renuncio aos cargos, pero sigo crendo na ferramenta de Podemos, no discurso doutro xeito de facer política. Pero dou un paso cara ás bases. O problema é que a xente boa non acada postos directivos. Quero un xiro para que Podemos volva ser o que era no principio.

-¿Como queda a agrupación en Galicia con estas dimisións?

-Queda tocada. Eles nin falaron conmigo. Dende Madrid intentaron que quedase.

-¿Existe en Podemos un desencanto coa liña oficial?

-A xente está dividida. Non se entende o método. E a xestión oculta das listas, moito menos.

-¿E hai unha deriva do proxecto orixinal a un partido tradicional?

-Si, por iso prefiro marchar.

-¿Apoia o enroque da dirección en primar a marca nas xerais?

-Deberan plantexarllo á xente, e que decida se se conflúe ou non.

-Bueno a dirección xa plantexa o referendo, pero cunha tese que invalida ir nunha marea galega.

-Eles saberán. O éxito da fórmula foi a unión. Iso non o debe capitalizar ninguén. Temos que deixar de lado quen pode ter máis poder. A xente está aburrida diso.

-¿Fuxirán militantes para favorecer unha marea galega?

-Non sei. A xente quere proxectos para participar de verdade. Eu a primeira, por iso dimito. Reclamo máis democracia e voltar ás orixes de Podemos.