José Ramón Gómez Besteiro: «A moción de censura en Lugo é algo que se verá nun futuro inminente»

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Besteiro, en el acto del miércoles para elegir al presidente de la Diputación de Lugo.
Besteiro, en el acto del miércoles para elegir al presidente de la Diputación de Lugo. ALBERTO LÓPEZ

O líder do PSdeG fai votos para «reconducir a situación» de poder formar un goberno de progreso na Deputación e di que nunca pensou en dimitir

27 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non agocha José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) que pasou un dos peores momentos políticos da súa vida ao ver como a Deputación de Lugo, que gobernou durante oito anos, pasou a mans do PP sen ter maioría absoluto debido a un erro nas filas do seu partido. Pero nin cree que este feito poda danalo como secretario xeral do PSdeG nin descarta que se reconduza a situación.

-Ver en primeira fila o ocurrido en Lugo non debe ser agradable.

-Claro que non, foi unha profunda decepción. Pero eu estaba onde tiña que estar como presidente en funcións, mantendo o respecto institucional e a tranquilidade que, por certo, hai oito anos non foi así e o presidente saínte non acudiu.

-¿En que fallou a estratexia para que se chegara a ese punto?

-No momento en que hai alguén que fai co seu voto algo distinto ao que o partido ordena. Non hai que esquecer que a comisión federal de listas dounos un mandato do que se pode discrepar, pero que hai que acatar. Iso sabémolo todos os socialistas, os que levan 40 anos e os que levan un mes.

-Algunha responsabilidade terá vostede no que ocurreu...

-Creo que medir estas cuestións en clave de responsabilidade directa ou persoal non é o máis axeitado. Hai decisións que se toman de forma unánime no grupo provincial, como foi propoñer de candidato a Manolo Martínez, pero no momento en que esa proposta non permite seguir cun Goberno de progreso, porque así o decide o BNG, entón acórdase ir por outra vía. E québrase todo cando unha persoa colle unha papeleta para votar contra o que marca o seu partido.

-¿Por que apoiou o PSOE a candidatura de Martínez sabendo que ía a ser un obstáculo insalvable para presidir a Deputación?

-Insalvable non era, ata que se produzo o punto de non retorno do Bloque. Fíxese que durante oito anos o PSOE e o BNG gobernamos xuntos en Lugo, a pesar das imputacións e da situación de Martínez. Cando vimos que non era salvable, prodúcese una decisión unánime en favor doutro candidato.

-¿Pensou en dimitir por isto?

-En absoluto, rotundamente non, un pode ter moitas responsabilidades, e eu tereinas, pero nesta situación non creo que poda concluír que sexan persoais.

-Pero oiría as criticas internas...

-Si, claro, hai distintas opinións e tamén algunha xente que lle gusta predicir o pasado. Eu non son un deles. O que está claro, e permítame que insista, e que había un mandato do partido que tiña que cumprirse e non se fixo. A candidatura a unha deputación é do partido, non do candidato, a diferenza do que ocorre nun concello.

-¿Recibiu o apoio de Abel Caballero, Pachi Vázquez ou José Blanco logo do ocurrido?

-Todos os que cita son membros do Partido Socialista e saben como funciona. Eu recibín chamadas de moita xente, pero todo isto deriva de que dez deputados sitúan a papeleta nunha urna seguindo o que marca o seu partido e outro que non o fai. Iso é o que temos que obxectivar.

-¿Entón, nada de autocrítica?

-Sempre hai que facela, na política compre actuar e tamén rectificar si hai erros. Pero tampouco vexo necesario fustigarse.

-Non falo en xeral, senón de autocrítica neste caso concreto.

-Eu o que sinto é unha gran insatisfacción, foi un momento moi triste. Púidose tomar outra decisión, como votar a Manolo [Martinez] para que o BNG o vetara, pero o resultado sería o mesmo. O PSOE o que intentou é manter viva a ilusión da cidadanía e permitir un Goberno progresista.

-¿E agora que cabe esperar?

-Pois que se poda reconducir a situación, para que se reflicten os resultados. O PP está na presidencia da Deputación de Lugo co peor resultado da historia. Hai oito anos dicían que era Cacharro quen lles restaba votos, ¿e agora quen lles resta?

-Fala de reconducir a situación, ¿como e en que prazo?

-Eu non podo predicir o futuro, falo de reconducir para conectar co desexo dos cidadáns expresado nas urnas en favor de dúas forzas que protagonizaron un cambio na provincia de Lugo, cambio que agora está en risco.

-¿Ve factible que se presente unha moción de censura?

-Eu vexo factible todo. E a moción de censura é algo que se verá tamén nun futuro máis ou menos inminente.

-¿A perda do bastión no que medrou politicamente, en qué medida o lastra para dar a batalla para ser candidato á Xunta?

-Podíamos estar ante dúas posibilidades, que era perder o bastión por falta de apoio cidadán. Iso si que lastraría, pero non é o caso. O que me preocupa é que haxa unha involución na política que se facía dende a Deputación.

-¿Teme que o de Lugo se poda estender a outras deputacións?

-En absoluto, non creo que sexa reproducible.

-Pois o BNG pide presidir a Deputación da Coruña...

-Cada un pode pedir o que considere oportuno, pero o BNG non pode ignorar a forza dos votos. E o PSOE acadou case 400.000 votos en Galicia, que nos sitúa a 14 puntos do BNG. Esa realidade non se pode obviar.