O Parlamento galego ao Constitucional

Carme Adán

GALICIA

27 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O obvio causa cansanzo. Así a insoportábel obviedade da política actual esmorece entre as prácticas corruptas, a desilusión cidadá xeralizada e o roubo programado de todo, incluídas as palabras.

O valor das palabras queda reducido a un titular e o seu efémero impacto. De feito, canto máis se repiten as palabras democracia ou igualdade máis perden o seu significado e sentido. Habitamos un momento onde a retórica baleira imponse sobre a democracia. Os Parlamentos semellan camiñar cara unha función de platós de televisión, mentres as institucións transitan entre a sospeita e o rexeitamento. Onde fica a participación? Onde están agochados os verdadeiros espazos de toma de decisións? Cal é o meu papel como deputada? Como debo defender o conxunto de ideas que represento por ter sido electa?

Estas preguntas sobre o meu deber asaltáronme en múltiples ocasións e acentuáronse desde a miña expulsión dun pleno logo dunha modificación unilateral das normas interpretativas do regulamento da Cámara por parte da mesa e a súa presidencia. Unha mesa que só conta coa representación de dous grupos. Primeira anomalía democrática en termos de representación.

A segunda anomalía é converter o Parlamento nunha terminal do goberno. De feito, isto invalida calquera debate político e relega a práctica parlamentar a unha incesante procura do titular máis imaxinativo. Erro que reduce o traballo cotián aos 140 caracteres dun tuit. Traballo lexislativo e de representación que toma como base escoitar as persoas, os colectivos afectados polas políticas do empobrecemento, as traballadoras e traballadores despedidos, os diferentes movementos sociais, así como desprazarse ás vilas e comarcas para denunciar a supresión dunha parada de bus na parroquia de Batalláns nas Neves ou a eliminación dunha praza de pediatría na Guarda. Considero que esta é a esencia mesma do parlamentarismo.

A terceira anomalía democrática é pretender limitar a igualdade no traballo dos grupos e das e dos seus integrantes. A proporcionalidade xa vén dada pola votación das iniciativas, mais eu pregunto: debe tamén establecerse na súa capacidade propositiva e de control ao goberno? No Parlamento galego non era así até a presente lexislatura. Polo que a imposición dunha redución de iniciativas afonda nas anomalías e non as corrixe.

Nesta lóxica, durante os últimos tres plenos o PP impediu que unha lei proposta polo BNG puidera ser debatida por un suposto exceso de temas. Acaso, é isto mellorar a democracia? Limitar ou impedir cada vez máis a presenza de convidados/as nos plenos mellora a participación? Mellora en algo a democracia eliminar unha pregunta ao presidente por período de sesións ao BNG coa escusa da existencia agora dun novo grupo mixto. A pregunta ao responsábel do Executivo en cada pleno non é unha concesión ao grupos, é unha obriga do presidente. A súa supresión deixa de ser unha anomalía para converterse nunha burla democrática.

Presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional ten unha razón que transcende a se o regulamento recolle que poidamos falar tres, dez ou sesenta minutos. A cuestión reside en frear o baleirado democrático do Parlamento. Négome a asumir que no adro da Cámara galega debamos abandonar toda esperanza de igualdade e participación as e os que alí nos adentremos.