Xermán Varela: «O sistema penaliza máis os delitos dos pobres que os dos ricos»

Carlos Punzón
carlos punzón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Xermán Varela exerce en Pontevedra, é fillo do xuíz Luciano Varela, e é unha das voces máis críticas da xudicatura galega.
Xermán Varela exerce en Pontevedra, é fillo do xuíz Luciano Varela, e é unha das voces máis críticas da xudicatura galega. RAMÓN LEIRO< / span>

«A Xustiza necesita que se lle tome en serio, que se mellore a súa organización»

24 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Demanda con insistencia medios e persoal especializado en enxeñería financeira e en delitos económicos, o que o xuíz Xermán Varela entende que é a base da corrupción. Maxistrado de instrución en Pontevedra, e fillo de xuíz, Varela considera que os políticos non teñen feito todo o posible para frear a corrupción, pero advirte que endurecer as penas «será só unha vinganza».

-¿Está instalada a corrupción no sistema político? ¿É un dos seus combustibles?

-Por desgraza, posiblemente estea estendida no sistema político, pero tamén no económico, porque onde hai un político corrompido hai alguén con capacidade económica para corromper. Iso si, non se pode equiparar un acto de prevaricación dun pequeno concello con motivacións ilegais, pero seguramente de pequena entidade, con ter 40 ou 50 millóns en Suíza. Non todo é igual.

-¿Atopa demasiada parcialidade á hora de adxudicar, contratar e gastar os cartos públicos?

-Parece evidente que si. Por iso hai que repensar a regulación da contratación pública, e a posición que ocupan secretarios de concellos, interventores e os corpos que serven para fiscalizar. Hai que aumentar os investimentos nos entes de control, como Facenda, dotándoa da autonomía para que poda exercitar as súas funcións de control previo e impedir que cheguemos a situación actual.

-¿Habería que limitar o tempo de instrución xudicial para resolver antes este tipo de casos?

-Non se pode. Pero unha instrución que pretende abarcar demasiadas cousas sen moita relación entre si, pode ser contraproducente, aumentar a confusión e semellar que ten mais importancia a espectacularidade da instrución que o xuízo mesmo.

-Pode terse a impresión de que non se é capaz de atallar a corrupción se as causas duran tres anos e arquívanse por defectuosas.

-Unha instrución alongada no tempo é inxusta para as persoas que están sometidas á instrución e ao mellor resultan absoltas tras ser condenadas publicamente.

-¿Requirense máis reforzos?

-A Xustiza necesita que se lle tome en serio, que se mellore a súa organización e se aumenten os seus medios. Requírense unidades policiais especializadas e peritos sen inxerencias do poder executivo, pois moitos dos casos de corrupción contan con actuacións financeiras que precisan de coñecemento especializado.

-¿O sistema penal si está máis pensado entón para roubagaliñas que para atallar a corrupción?

-É certo. O sistema penaliza máis os delitos dos pobres que os dos ricos. Hai que mudar moitas cousas para reenfocar o dereito penal.

-¿Pode dicir o que queira sobre a corrupción e a política?

-Teño dereito a liberdade de expresión. O límite é non falar xamais, baixo ningún concepto, do que coñecemos no exercicio da xurisdición. Facelo sería pouco ético e tiránico.