«Os problemas non se solucionan batallando, aínda que ás veces non hai máis remedio»

La Voz

FIRMAS

24 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Fajardo saca tempo de onde non o ten para levar o pósito, a federación e asistir en Celeiro ás xornadas de pesca.

-¿Cal foi a súa primeira decisión na federación?

-Non sabería dicirche. O que quero é acercarme a todos os portos para sentarme con todas as confrarías e coñecer persoalmente cada problema real e individualizado, saber as súas sensacións... Vai ser moi traballoso pero espero facelo.

-Hai confrarías en situación complicada, incluso con ERE, ¿ve perigo de que desapareza algunha? ¿Ou cre que hai demasiadas e que habería que unificar algunhas?

-Non me atrevo a dicir iso, están aí e moitas levan moito tempo, e non creo que a solución pase por aí. Igual si poderiamos colaborar máis dalgunha maneira en determinados servizos para abaratar custes.

-¿Fala de mancomunar servizos entón?

-Se non mancomunar, si colaborar entre unhas e outras para abaratar custes, como creo que xa se fai en algunhas en asistencias técnicas, por exemplo. Pode ser unha idea, pero non me gustaría que saíra isto como unha proposta do presidente da federación. Pero ten que haber outras solucións. Cada confraría ten a súa peculiaridade.

-¿Que tal funciona o canal de comunicación coa consellería? ¿Vea implicada co sector?

-Si, si, tampouco vou criticar, imos intentar que a relación sexa fluída porque é necesaria. Ten todo o meu respecto. A comunicación é importantísima porque eu creo que os problemas non se solucionan batallando, aínda que ás veces seguramente non queda máis remedio porque non se coincide en moitas cuestións ou se choca frontalmente. Pero creo que son unha persoa de consenso que aposta polo diálogo. Pode haber diferenzas de criterios pero debe haber unha boa relación polo ben do sector. Non creo que a propia consellería queira que o sector pesqueiro estea mal, supoño que administran da mellor forma que saben, quero pensalo.

-De todos os retos que ten por diante, ¿cal lle resultaría máis satisfactorio resolver?

-Daríame por satisfeito con paliar os prexuízos que causan moitos deles. É difícil, pero poñerei todo o meu empeño e experiencia.