«A Xunta ten que pasar das boas verbas coa universidade aos feitos»

Juan María Capeáns Garrido
juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Álvaro Ballesteros

Reclama un xiro no financiamento para evitar o desprestixio social

26 oct 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Con 140 días á fronte da Universidade de Santiago, Juan Viaño Rey (Boqueixón, 1955) é consciente de que está a facer algo que non lle gusta. Cústalle falar de «docencia, de investigación, de transferencia de coñecemento, de patentes...», o propio dunha institución de educación superior cinco veces centenaria, porque a súa preocupación real é a escasa capacidade que ten para tapar un burato económico de dimensións inesperadas.

-¿Atopou cadaleitos nos armarios de San Xerome?

-Non, atopei un xeito de facer as contas do anterior equipo que, sendo legal, é borrosa, e afecta ao déficit (16 millóns de euros ao final do 2014), o que nos obrigou a cambiar a estratexia, facer un plan de equilibrio e pensar nuns orzamentos moi axustados.

-Ten cara de preocupación.

-Estou preocupado, pero tranquilo. Estamos trazando un camiño polo que poidamos circular con seguridade, poñendo as bases para saír desta canto antes.

-Refírese ao plan de equilibrio que está presentando a toda a comunidade e que, por certo, non gusta a case ninguén.

-Nin a min. Tentamos explicar o plan e recibimos críticas, e por iso faremos un esforzo maior. O plan de equilibrio marca unha batería de medidas tomadas con certo pesimismo, pero non concreta a intensidade nin a aplicación. Haberá cousas que negociar e outras que non teremos que aplicar, pero en ningún caso falamos de despedimentos.

-Pois meteu algo de medo na comunidade universitaria.

-Non debera existir. O plan faise precisamente para dar seguridade nos próximos catro ou seis anos. O que espero é que a comunidade entenda o momento complexo que pasamos.

-¿Vivían vostedes nunha burbulla ao marxe da crise?

-Como quen di, na Universidade de Santiago prendemos a luz e a calefacción todos os días, e alguén puido ter a percepción de que estabamos en mellor situación. E semella que outros pensaron que non tiñan que arrimalo lombo como fixeron as empresas, as institucións, os traballadores...

-E que todos mudaron as súas estruturas, menos as universidades.

-Na universidade houbo certa resistencia porque considerámonos un ámbito vital, central para o país. E tamén porque o factor humano é clave, e é onde temos máis dificultades para avanzar pola precariedade e a falta de autonomía para contratar. Pero si, é certo que houbo resistencia a adelgazar os cadros de persoal.

-Agora toca negociar coa Xunta o plan de financiamento. ¿Son tamén vitais as universidades para os políticos?

-A Xunta valora a importancia da universidade, é moi consciente, pero agora ten que pasar das boas verbas aos feitos.

-Vostede augurou unha postura elegante pero guerreira con Educación. ¿En que punto está?

-A relación é fluída, e espero que teñan a mesma impresión. Estamos comezando a falar e penso que é importante que haxa entendemento institucional. É unha negociación, logo haberá tiras e afrouxas, pero nada que non se poida reconducir.

-E logo toca repartir con A Coruña e Vigo. ¿Que entende vostede por equidade?

-Repartir os cartos por méritos e resultados.

-¿E o cuantitativo?

-Loxicamente o tamaño hai que telo en conta. Somos máis grandes e teremos máis capacidade de producir se somos eficaces. O que sabemos ata agora é que as liñas xerais son potenciar o reparto por eficacia e produción, e por iso non temos nada que temer porque somos competitivos. Paréceme xusto e creo que os meus colegas de A Coruña e Vigo estarán de acordo.

-¿Aínda non falaron de cartos?

-Os contactos son moi preliminares, pero o que temos claro é que a intensidade de aplicación do noso plan de equilibrio, en Santiago, depende deses ingresos. Agora a idea é aforrar dez millóns de euros en catro anos e practicamente non facer contratacións. É triste, si, pero a maior financiamento, menor sufrimento.