Anulan as sancións aos conductores multados en Poio por xirar a cabeza

Roi Palmás
roi palmás PONTEVEDRA / LA VOZ

GALICIA

O vindeiro luns aprobarase en xunta de goberno e resolverase en 15 días

26 sep 2014 . Actualizado a las 04:00 h.

Xirar a cabeza mentres se conduce polas estradas de Poio está de novo permitido e non é merecedor de sanción. Así quedou decidido polo Concello, que se opón de xeito rotundo á acción dos dous policías locais que o pasado 18 de abril de 2014 -Venres Santo- impuxeron un total de 13 sancións a outros tantos condutores por, presuntamente, xirar o pescozo máis de 45 graos mentres dirixían a condución.

Estes sorprendentes feitos foron investigados en profundidade polo edil de Seguridade Cidadá, Xosé Luís Martínez, quen firmou unha proposta de anulabilidade do expediente, que verá a luz o vindeiro luns 29 de setembro, máis de cinco meses despois de ocorrer os feitos, cando se celebre a xunta de goberno local e se aborde este expediente.

O seguinte paso será o de tramitar a devolución aos infractores dos importes cobrados por esas multas, xa que se considera desde o Concello que o motivo no que se basean os axentes está axustado a dereito pero resulta «excesivo» para a cidadanía en xeral e para os usuarios de turismos en particular.

Os cálculos do equipo de goberno de Poio pasan por resolver este asunto «antes do día 15 de outubro», segundo confirmou o alcalde da localidade, Luciano Sobral, quen respalda firmemente o informe negativo de Seguridade Cidadá.

As présas en facer efectivas as devolucións deses importes virán marcadas pola acción da empresa encargada do proceso, aínda que se agarda que sexa unha actuación sinxela e rápida.

Os condutores denunciados levan meses agardando por este posicionamento municipal e aínda que a maioría optou por pagar o importe da multa, hai casos nos que se emprenderon accións de recurso por considerar a imposición destes castigos como desproporcionada, entendendo que a única razón pola que se poñían era o presunto afán recadatorio dos axentes, máis que a vixilancia da seguridade vial.

Nos casos nos que os condutores multados se dirixiron ao Concello de Poio mediante escritos de defensa tamén se declarará a anulabilidade dos procesos, aínda que nestes casos non se lle terá que devolver importe algún, posto que non houbo transacción económica de por medio ata o momento.