«Cun 90 % da cota sen coller, un Goberno non pode prohibir a pesca»

GALICIA

Hermida estivo esta semana na Coruña para clausurar o seminario «Pesca Marítima y Biología. Biología y Pesca Marítima».
Hermida estivo esta semana na Coruña para clausurar o seminario «Pesca Marítima y Biología. Biología y Pesca Marítima». paco rodríguez< / span>

Defende o reparto por comunidades porque «os pros son máis cos contras»

14 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Co ascenso de Andrés Hermida (Ourol 1963) á cúpula, a Secretaría de Pesca do Ministerio de Agricultura recupera ese acento galego que perdera coa chegada de Rajoy ao Goberno. Unha circunstancia que xa dou pe a insinuacións de favoritismos, cando, polas peticións do sector galego, decidiu reabrir a pesqueira da anchoa do Cantábrico, alporizando a vascos e cántabros, que lle acusaron de ceder ás presións de Galicia. -Aínda non tomara posesión e xa estaban pedindo a súa cabeza polo conflito da anchoa. ¿Teñen razón os vascos?

-Non teñen razón. Nós temos que lexislar en beneficio do sector en xeral. Coa anchoa da VIIIc (de Fisterra ao golfo de Cádiz) tivemos unha petición dunha asociación de organizacións de produtores, Opescantábrico, que expoñía que, en base ao patrón de explotación da anchoa, eran partidarios de pescar un 10 % da cota no segundo semestre do 2014 e un 90 % no primeiro do 2015, dado que a campaña de primavera é máis produtiva, o peixe ten máis valor e porque no segundo semestre non se capturaba porque non había. A Secretaría, única competente para decidir peches e aperturas do caladoiro, asumiu a petición, e prohibiu a pesca. Entón, o sector asturiano e parte do galego dixeron que non estaban de acordo co peche porque aparecera anchoa nas súas augas. Contrastámolo co IEO, e os científicos corroboran que apareceu sorpresivamente esa anchoa. Ante esa situación, vemos que con un 90?% da cota sen coller, un Goberno non pode quedar quieto e dicir que non se pesca.

-¿Está en perigo a próxima costeira de primavera?

-Non creemos, pero por se acaso fomos cautos e só abrimos con só 2.000 toneladas. Dese xeito, se consumiría agora o 25 % da cota e quedaría reservada para o ano que ven o 75 %. Tendo en conta que subiu o cupo da anchoa, para o primeiro semestre do 2015 habería case o mesmo que este ano: 800 toneladas menos. Por outro lado, se está a estudar a posibilidade de cambiar o período para o que se fixa o TAC (total admisible de capturas) de forma que coincida co ano real, non como agora, que vai do 1 de xullo a 30 de xuño. Os científicos nos din que se iso é así, e a campaña para fixar o tope de capturas se fai agora, coa anchoa desovada (a abundancia se mide por ovos), as capturas deste semestre terían pouca ou nula influencia na fixación do TAC. Por iso, só permitimos que se pesque unha cantidade controlada.

-¿O cambio de calendario non suporá que haxa que repartir o actual cupo de 18.000 toneladas en 18 meses, non en 12?

-Non debería ser así, pero como non temos a certeza, por iso facemos a apertura cautelar.

-Cando se repartiu a anchoa da IXa (de Fisterra ao golfo de Biscaia), Galicia falou de «tongo» e criticou que se lle deixase so co 1,4 % da cota. ¿Vaise revisar?

-Non. Nós temos que marcar pautas ordinarias, non extraordinarias. E tampouco podo coller cota de Andalucía para darlla a Galicia. Iso sería como si no Gran Sol lle retiro o cupo de un barco para darllo a outro. Imos conseguir un intercambio con Portugal que nos permitirá enxugar ese exceso de capturas por parte da flota galega, pero non vai chegar para reabrir a pesqueira. Non sei máis adiante, pero agora, non.

-¿Esa falta de axilidade non ven a demostrar que para especies de vida curta o reparto de cotas non é o máis adecuado?

-É o primeiro ano que facemos este tipo de xestión e todos, sector e Administración, debemos aprender dos erros para corrixilos. Por exemplo, noutros intercambios de cota que se fixeron se lle aplicou a clave de reparto. De cara ao futuro, non se fará e se intentará compensar, no caso de que haxa bocarte, a Galicia. Pero creo que é importante que unha flota ou unha provincia saiba a principios de ano o que pode pescar para organizarse. Insisto, hai axustes que facer para mellorar, pero xa se ve que os pros son moitos máis que os contras. As pesqueiras duraron máis, e a rendibilidade do sector pesqueiro está sendo mellor que o ano pasado.

-Non hai entón volta atrás.

-En principio, non. Non hai intención agora mesmo de modificar estas claves de reparto.

-¿Vai facer valer o plan galego para a sardiña ante as outras comunidades?

-Antes temos que falar con Portugal. Estamos en conversas con eles para facer ese plan de xestión conxunto e evitar que a UE non impoña un TAC. Temos as nosas diferenzas con Portugal, que se autoasignou o 66 % das capturas, pero hai que chegar a unha entente. Hai que ponderar sobre os históricos as medidas de conservación que puxemos uns e outros, valorar a importancia relativa da flota... Por agora, imos pescar ata que as capturas dun país e as de outro sumen 20.090 toneladas.

-Sen saír de Portugal. Vai ao Congreso o acordo de pesca, ¿con qué texto? ¿O que lle prohibe ao sector do arrastre traballar en fin de semana? -Non. Os portugueses querían que o descanso semanal fose bilateral e si paraban eles en augas españolas, parase a flota española en augas lusas, polo que quedaría moita flota prexudicada. Entón chegamos á fórmula de controlar os desembarcos nos portos. O que descarguen na fin de semana terá que abastecer ás fábricas lusas. E iso é un pouquiño máis difícil de controlar. Estamos neso, ver que o que se desembarca non faga competencia desleal.

andrés Hermida trastoy secretario xeral de pesca

«Incluso Austria está en contra de modificar a estabilidade relativa»

«O intercambio con Portugal non vai dar para reabrir o bocarte na IXa»