«Estaba paralizado polas descargas e incapaz de coller á muller, que afogaba»

Antonio Longueira Vidal
toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CERCEDA

Ana Garcia

O socorrista electrocutado en Cerceda relata os tensos momentos nos que era incapaz de rescatar a unha nadadora

29 jun 2014 . Actualizado a las 11:58 h.

Tanto el como Dolores. V.F., de 56 anos, veciños de Tordoia, tiveron moita sorte. Foron dados xa de alta no Hospital Clínico de Santiago. Ela onte pola mañá; o socorrista, o mesmo venres pola noite. Pero o susto aínda está no corpo. O que tiña que ser unha plácida xornada na piscina climatizada de Cerceda case remata en traxedia por culpa dunhas descargas eléctricas, que a Policía Xudicial está a investigar. Para Gonzalo González Fernández, de 20 anos de idade, era o seu segundo día como socorrista neste complexo municipal xa que case sempre traballa no Aquapark cercedense. Aínda coas secuelas no corpo provocadas pola corrente, relatou o ocorrido este venres sobre as cinco menos vinte da tarde.

-¿Que pasou exactamente?

-Estaba na entrada da piscina municipal e había poucos usuarios. Era venres pola tarde. Case fin de semana. De repente escoitei uns berros procedentes da piscina. Eran moi diferentes dos que se escoitan normalmente. Fun para dentro correndo e encontreime co panorama.

-¿Que viu?

-Para comezar, dúas persoas berrando desesperadas: «¡Quitade as nenas, quitade as nenas da auga!». Nese momento había dúas menores, de 6 e 9 anos, no vaso xogando. Por sorte non sufriron descargas eléctricas, só cambras sen importancia. O peor estaba noutro lado da piscina. Unha muller estaba dentro da auga boca abaixo. Lanceime por ela, pero fun incapaz de dar un só paso ao fronte, de moverme. Comecei a sufrir fortes descargas por todo o corpo.

-¿Duraron moito?

-Non lle sabería dicir con exactitude. Foron uns quince-trinta segundos pero para min foron dous días. Sentía unha impotencia tremenda. Tiña unha muller afogándose diante de min e eu era incapaz de moverme porque estaba paralizado pola corrente.

-¿Cubría moito nese tramo do vaso?

-Que va. Entre un metro vinte e un metro trinta, non máis, pero era incapaz de moverme. O peor era a angustia que tiña ao ver que non podía facer nada por unha persoa que estaba ao meu lado, e se ía para o fondo. Cando estaba xa xunto dela, a muller estaba mergullada por completo e case tocando o fondo do vaso.

-¿Que pasou entón?

-As descargas eléctricas cesaron. Cos músculos completamente bloqueados e doridos, collín a muller da auga, saqueina inconsciente e tratei de levala fóra do vaso. Pero xusto cando chegaba ao borde para apoiala, comezaron as descargas eléctricas e volvín a quedar paralizado. Pero desta vez tiven a sorte de que un señor que estaba na piscina axudoume a sacar á muller e despois a min.

-¿Pero tan fortes eran a descargas?

-Era incapaz de coller un móbil e marcar para chamar pola ambulancia. Tiña todo o corpo bloqueado, os músculos tensos. Menos mal que unhas mulleres que se atopaban alí chamaron por min mentres eu comezaba a facer a reanimación cardiopulmonar á afogada. Non tiña pulso nin respiraba. Doíame todo o corpo. Pero comecei coa masaxe. Por sorte á quinta compresión a muller volveu en si, soltou a auga que tiña dentro, que non era moita, coloqueina en posición lateral de seguridade ata que chegaron as emerxencias.

-¿Supoño que serían uns minutos interminables para vostede?

-Imaxínese. E tiven moita sorte de que o resto de persoas que se atopaban nese momento na auga apenas notaron unhas cambras, sen importancia. Esa foi a gran sorte.

-¿Que lle dixeron os médicos?

-Eu ía consciente, fixéronme unhas probas, pero todo estaba ben. Só era dor muscular, pero iso é algo normal nestes casos. O importante é que non quedaran danos das descargas e que a muller tamén se atopa ben. O demais ten todo solución. Agora teño a baixa médica e cando reciba a alta regresarei ao traballo coma sempre.

Gonzalo González socorrista de Cerceda

«A muller non tiña pulso e non respiraba, tiven moita sorte na reanimación»

«Era incapaz de coller un móbil e marcar o número de teléfono de emerxencias»