A política que quere a dereita

GALICIA

22 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Non pode facerse a política que se fai e despois lamentarse de que pasa o que pasa. Nese disimulo o PP é mestre coa oposición ausente. Que os universitarios galegos non poidan pagar as súas matrículas acontecerá cada vez máis, en coherencia coas políticas aplicadas, non obstante a evidencia de que son aquí máis baratas que no resto do Estado. Esta aparente contradición dá a medida dos efectos das políticas de austericidio e da fondura da crise nos fogares do país. Tamén da vontade de estudar unha carreira para gañar o futuro como levan facendo tres xeracións nos últimos 40 anos. Esas son as tres pólas do problema. As políticas de recorte que nos explican como imprescindibles teñen consecuencias inevitables coma esta. A crise non só non se soluciona senón que se afonda reducindo empregos públicos ou axudas que garanten a igualdade de oportunidades. A vulgata liberal dirá que os menos dotados deixarán de estudar pero non é tal. Como pasaba hai poucas décadas, deixarán os que teñen menos recursos. A terceira razón é ideolóxica: a dereita aproveita a crise para impor a súa idea conservadora de que hai demasiados universitarios. Disimulando porque non é popular.

Intentouno pulando universidades privadas como fungos que resultaron malas coma o demo pero permiten títulos axiña a quen ten máis estima polo diñeiro que polo coñecemento. En Galicia acaba de autorizarse unha universidade privada católica. Tamén coa famosa LOU que incendiou os campus na fin do mandato de Aznar. Agora a crise favoréceo porque lograron convencer á opinión pública que hai cousas máis urxentes, que as universidades non dan a talla, que son unhas privilexiadas, que... Chámaselle desprestixiar. A última vez que a dereita abriu a man da Universidade á igualdade de oportunidades foi porque non lle quedou máis remedio e chamouse Lei Xeral de Educación de 1970, cando o franquismo final tentaba controlar a prol do réxime as ansias de avance social e protagonizar o cambio ao seu favor. Na democracia a dereita sempre votou contra as leis universalizadoras da educación superior. Agora gobernan. Simplemente.