Juan Viaño: «Se non negocio recibirei o trato que tivo Casares»

J. c. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O matemático, gran opositor do actual reitor, aposta por unha modernización sen traumas

11 abr 2014 . Actualizado a las 09:34 h.

A Juan Viaño (Boqueixón, 1955) vaille a marcha. É catedrático de Matemática Aplicada dende hai 26 anos, nos que foi docente, investigador, concelleiro do seu pobo e xestor a distintos niveis na Universidade de Santiago. Neste tempo foi un dos opositores máis duros de Juan Casares Long, e agora pide con tanta elegancia como firmeza o seu posto.

-Vostede ocupou todo tipo de cargos na USC, desde xefe de departamento, decano, ata vicerreitor con Senén Barro. ¿É parte do problema ou trae solucións?

-O que teño é experiencia. Nos últimos anos estiven nos órganos de goberno e sufrín un momento moi difícil para a Universidade. Por iso o noso equipo e o programa baséase na experiencia, e por iso queremos poñernos á fronte desas dificultades.

-Tivo un papel relevante na oposición a Casares que levou á USC a unha situación de bloqueo. ¿Foi excesivo?

-Entendemos que non, sempre tivemos unha man tendida e aportamos solucións. Cando un é reitor ten que ter máis vontade de negociación, e eu a terei. Se non negocio recibirei o mesmo trato que Casares, e o terei merecido.

-Agora non hai plataformas ideolóxicas que etiqueten aos candidatos. ¿Por onde anda vostede?

-Sempre pertencín á Plataforma Universitaria Progresista e estiven no entorno socialdemócrata. Tamén fun concelleiro socialista en Boqueixón, porque os veciños pedíronme axuda, e eu sinto moita honra por elo.

-¿Como se levará coa Xunta?

-É necesaria unha canle de entendemento institucional, pero seremos firmes nas reivindicacións e na defensa do servizo público. O que necesitemos o demandaremos con insistencia.

-A mellora da financiación é clave no seu programa. Pero non depende de vostede.

-Pódese convencer aos poderes públicos do necesario dos investimentos na Universidade. Aquí é onde se forma a sociedade do futuro, por iso ter un novo plan de financiamento é unha prioridade. E tamén hai que revisar os criterios de reparto, porque algúns, como a produción científica, penalizan a Santiago por non estar ben valorados. Non teñen en conta nin o tamaño nin as características do cadro de persoal, con moita experiencia e produción científica.

-¿Santiago debe compartir o título de Medicina?

-Medicina está ben como está. É una titulación emblemática que está funcionando cos recursos clínicos de toda a comunidade galega baixo a responsabilidade da Universidade. Iso non quere dicir que non se poida colaborar en calquera eido.

-Independentemente de quen sexa o reitor, ¿mellorará o ambiente da Universidade de Santiago o 26 de abril?

-A Universidade está nun momento o bastante complicado como para que toda a comunidade traballe para sacala adiante.

-Ten a tres persoas no seu equipo pendentes do campus de Lugo. ¿Hai problemas específicos?

-Na nosa candidatura facemos unha aposta importante por Lugo porque o campus está pasando un momento difícil, cunha perda de estudantes de case o 50 % en dez anos. Necesita un plan de choque con urxencia e por iso terá un equipo completo cun vicerreitor e dous adxuntos que revisarán as titulacións e tentarán captar máis alumnos.