Xosé Manuel Beiras: «Asumo a crítica, pero os meus argumentos non foron rebatidos»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

Defende que IU respecta as condicións de Anova e aposta por Lidia Senra

24 mar 2014 . Actualizado a las 09:46 h.

Convencido de que a alianza con IU para as europeas contribuirá a pacificar as convulsións internas de Anova, Beiras sostén que non había alternativa real e di respectar a crítica dos dez cargos que deron un portazo na cúpula. «Asúmoa, pero paréceme que os meus argumentos non foron rebatidos».

-¿Con que expectativas encara Anova as eleccións de maio?

-Podían ser escenario dun ensaio de cara a quebra democrática co réxime borbónico. Foi a tese de Anova nas conversas con outras forzas. Por iso apostou por unha fronte ampla en dous chanzos. Dunha banda, o galego, como Galicia nación, que tiña que aparecer como suxeito político no proceso das europeas. E a nivel de Estado, traballando por unha gran coalición. En dous sentidos: que expresase a índole plurinacional do Estado, que empeza a ser asumida por IU no proceso catalán, e unha posición de esquerda rupturista coa política ultraliberal.

-Pero a posibilidade dunha coalición galega non callou.

-No escenario galego era imprescindible que se puidese reproducir a proposta de fronte ampla sen exclusións. O BNG insistía en que non. Fixéronse varios ensaios, o último en vésperas do noso referendo. Non acudiron a reunións. E a nivel de Estado IU tampouco consideraba verosímil chegar a un acordo no que se incluíse a Bildu. Isto cambia totalmente o escenario.

-¿Foi entón cando empezou a reflexionar no cambio de aposta?

-Cheguei á conclusión de que había que apostar por un proceso rupturista cara á UE, no que Galicia figure como suxeito político. Nesas condicións, ou íamos cunha coalición en Galicia que o BNG boicoteaba; ou sós como Anova, conectando con movementos de rebelión cívica; ou utilizabamos unha coalición a nivel de Estado como corredor para inserirnos nos movementos das esquerdas europeas.

-Decantouse pola última opción e na véspera do referendo anunciou o seu apoio a ir con IU.

-Vía que a percepción disto na sociedade era clara, pero en Anova estaba confusa. Foi o que determinou que me posicionase. Non foi un cambio en 24 horas, senón o resultado do proceso e interlocución cos responsables das relacións políticas en Anova [daquela Luis Eyré, Palleiro].

-¿Cales son os termos dese acordo entre Anova e IU?

-O acordo se vai formalizar nos próximos días. Hai un borrador, no que a nivel de Galicia entre Anova e IU se establecen as condicións do que será unha lista galega, inserida na candidatura a nivel do Estado porque é distrito único; que a lista que se someterá a votación en Galicia será a dos candidatos galegos; que a cabeceira desa lista galega ten blindado o posto número cinco da candidatura a nivel de Estado, e que será Anova quen o propón; que a campaña vai ser galega; que o programa vai ser galego. Anova ten elaborado un programa, que se vai introducir no da coalición. Danse os requisitos necesarios para que se cumpra o que dicía, e entramos nese corredor.

-¿E como se repartirán os postos nesa candidatura?

-O lóxico sería que o primeiro posto fose de alguén de IU, que o segundo fose catalán e o terceiro galego. Iso non se conseguiu, polas dinámicas propias da elaboración dunha candidatura da esquerda plural. Pero si que se nos blindou o posto cinco. Paréceme que pódese considerar de saída. Se temos en conta o experimento das eleccións galegas, é verosímil a lectura de que si aquilo foi ben acollido isto non ten por que non selo.

-¿Ve candidata a Lidia Senra? ¿Haberá máis aspirantes?

-Se prospera que a cabeza de lista sexa Lidia Senra, mostraremos que estamos coas clases traballadoras. É un sindicato labrego con 30 anos de loita. ¿Máis candidatos? Non me parece raro. [Ao día seguinte desta entrevista, postulouse Luis Eyré].

-A súa aposta por IU amolou á maioría dos membros da anterior dirección de Anova.

-Non vou entrar nesas cuestións. É auga pasada. Estamos no escenario que estamos. Considero que todas as persoas teñen capacidade de reflexión, e que cousas que non se entenderon nun momento determinado pois a práctica pode dar lugar a que acaben por entenderse.

-Pois colaboradores moi próximos a vostede, amigos incluso, cren que Anova pode acabar de «izquierda federal del Noroeste».

-Respecto e valoro a liberdade de expresión e a crítica interna. Asúmoa. Pero paréceme que os argumentos que acabo de dar non foron rebatidos.

-En decembro preguntáballe pola dimisión de Martiño Noriega como coordinador nacional. Tres meses despois, Noriega está de volta e son Palleiro e López Rico os que marchan.

-Son libres de tomar as súas decisións. Teñen as súas razóns e as respecto.