«Beiras errou e Anova pode acabar de 'izquierda federal del noroeste'»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

López Rico sostén que Anova corre o risco de ser fagocitada por IU

15 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Case 40 anos de estreita relación persoal e política, dende os tempos do PSG no 1976, non impiden a Mario López Rico laiarse da viraxe federalista de Beiras. Advirte que a decisión que decantou a alianza de Anova con EU para as europeas, ademais de situalo no bando «perdedor» como partidario da fronte ampla, coloca a formación en risco de ser fagocitada por IU.

-Venceron os que defendían a aposta federalista, como Beiras.

-Si. A escolla sobre as europeas non tería tanta importancia sen o precedente dos posicionamentos sobre como entender a coalición de AGE. Uns cren que se trata de AGE e máis AGE, e acabar convertendo AGE noutra cousa. E outros vemos AGE como unha coalición para as eleccións galegas e o Parlamento.

-Pero desta volta foi Beiras o do volantazo ao federalismo.

-Decantou que saíse unha opción. Pero os plantexamentos viñan de antes. En Anova hai xente que podía cualificar de conservadora e cunha certa inxenuidade, que confunde un éxito electoral co xeito de instalarse Anova na sociedade, e non é ese.

-Foi unha viraxe inesperada. Vostedes mesmos, o núcleo máis próximo a Beiras, firmaran na véspera a favor da fronte ampla.

-As razóns de Beiras para volcar o resultado do referendo teñen unhas consecuencias que non sei se calculou ben. Anova conforma un pacto reiterado. Non cun plantexamento entre forzas iguais, porque se lle vende un paquete no que se lle di «ti vas aquí». Pero perder unha batalla non é perder a guerra. Queremos rexenerar o proxecto orixinario, que queda moi tocado.

-¿Pensa logo que a decisión de Beiras, máis aló de decantar a consulta das europeas, pode ter efecto en termos de que Anova poida ser fagocitada por IU?

-Si. En política o hábito fai ao monxe. Beiras cometeu un erro e o problema de Anova é que acabe sendo «la izquierda federal del noroeste». A maioría de Anova non está por iso. É un proceso complexo, pero reversible.

-Non lle convenceron as explicacións do portavoz nacional.

-En absoluto. Non é a primeira vez. Levo traballado moito con Beiras. Somos moi amigos. E ter perdido unha batalla política non quere dicir que estea disposto a perder a súa amizade.

-¿Non se resentiu esa relación?

-Cando un amigo fai unha cousa que non che gusta, tes unha etapa que estás picado. Beiras cometeu un erro grave, co seu prestixio fixo bascular Anova a unha posición moi difícil, na que se pode xogar a súa existencia.

-Beiras falou de sabotaxe do BNG por pechar o paso a Anova cara a fronte ampla. Pero tamén houbo fortes presións de IU.

-O BNG e IU son os responsables de que non saíra adiante a fronte ampla. O BNG tivo unha actitude sectaria, non quixo sentarse con IU, cos españolistas. Pero IU tampouco lle deu autonomía a EU. E IU non lle deixou a EU demostrar que era unha forza galega e poder chegar a acordos previos en Galicia.

-A dirección de IU contactou con Beiras antes da súa decisión.

-Sei que Martiño Noriega ten contactos dende hai meses nese sentido. Beiras tivo algunha entrevista con Miguel Reneses [secretario de Organización de IU] onde chegaban a unha especie de preacordo, no que Anova entraba no posto cinco, obviando que o programa estaba feito.

-¿Quere dicir que hai xente en Anova que sería responsable de que acabase fagocitada por IU?

-Hai xente de grande inxenuidade política. Creo que a Martiño non lle contaron ben o conto dos cabritiños. Segue pensando que cando o lobo mete a pata enfariñada por debaixo da porta é da nai cabra, cando é do PCE. Reneses tinxido de branco para enganar aos cabritiños. Xa dixo Beiras que o problema de Anova podía ser o éxito de AGE.

-Pero Beiras non peca de inxenuidade. ¿Tal vez mudou ante un risco de fractura de AGE?

-Sería de moi mala lei que se chantaxease para unha decisión noutro ámbito un pacto político de catro anos nunha institución.

-O que ía ser un escarceo para chegar ao Parlamento leva camiño do matrimonio.

-Un pode ligar moitas veces, pero non ten por que casar. Anova pode perder a capacidade de consolidarse como forza de novo cuño para 30 anos. Hai moitas luces vermellas prendidas.

-Moitos pensarán que traman López Rico e Palleiro (Luis Eyré).

-Seguimos na coordinadora nacional, onde inducimos que se aprobase un sistema de elección en urna. Traballamos para que as decisións de Anova sexan congruentes co tipo de organización que pretendemos.

-Pois dixeron de vostedes que aplicaron formas de control propias dos partidos tradicionais.

-Por iso perdemos o referendo [sorrí]. Son falacias e agresións con motivos políticos. Un problema que temos en Anova é a FPG. As comparacións que se fan ao respecto do que facía a UPG no BNG pois tamén o pretenden aquí. A FPG ten unha híper-representación na coordinadora nacional que lastra o funcionamento interno de Anova.

-¿Non lles convence Lidia Senra como candidata ou ven outros aspirantes con recorrido?

-Para ir no posto cinco da lista de IU e representar dignamente a Galicia pode valer Lidia e moitos outros. Do que se trata é de que a xente escolla a persoa que mellor lle pareza. Non con esa especie de prenominación que se pretendía.