«O galego, ten futuro no Bierzo»

GALICIA

Política Lingüística seguirá apoiando a docencia na comarca leonesa, onde máis de 1.100 alumnos estudan o noso idioma

07 mar 2014 . Actualizado a las 21:17 h.

O ensino do galego no Bierzo ten boa saúde, a pesares dos recortes educativos e da baixada da natalidade. Sobre esto xirou a mesa redonda que a Comisión Cultural Martín Sarmiento, de Vilafranca do Bierzo, programou para esta tarde e na que participaron cargos políticos, entre eles o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e membros da comunidadade educativa berciana. O debate, celebrado no Campus de Ponferrada, forma parte das sextas Xornadas Martín Sarmiento, que este ano celebran os doce anos de introdución do programa de promoción do galego nos centros educativos do Bierzo e de Sanabria. Un proceso que comezou con apenas cen alumnos no 2001 e en tres centros e agora supera o milleiro e 16 centros.

Valentín García defendeu a presenza da Xunta no programa porque «non só é un dereito histórico desta comarca, senón que o galego é un idioma útil, que abre portas laboráis e culturais non só de Galicia senón da lusofonía, con 250 millóns de habitantes». O alto cargo de Educación espera que a consolidación do programa sirva no futuro para que o galego entre noutros sectores do Bierzo, como o deporte, o comercio ou turismo.

Hai que lembrar que este curso ata 1.119 alumnos bercianos e de Lubián (Zamora ) reciben clases de galego, distribuídos en 862 de infantil e primaria, 197 de secundaria e 60 da Escola Oficial de Idiomas. Os alumnos pertencen a centros educativos de Cacabelos, Camponaraya, Carucedo, Puente de Domingo Flórez, Corullón, Toral de los Vados, Toral de Merayo, Villafranca do Bierzo, Ponferrada e a zamorana de Lubián (neste caso 12 nenos)

No debate tamén participaron a directora provincial de Educación, Emilia Villanueva; o coordinador da Comisión Cultural e correspondente da RAG, Héctor M. Silveiro; e a delegada do reitor da Universidade de León, Ana María Vega.

Tanto os participantes da mesa como o público destacaron a labor que desenvolven os mestres e profesores como capitais para o desenvolvemento do galego na comarca. O público demandou que o galego se extenda a máis centros de secundaria, actualmente en dous.

As xornadas comezaron pola mañá cos traballos teatrais, exposicións, lecturas e intercambios escolares, no que participaron centros de alumnos de infantil e primaria do Bierzo, en diferentes actos celebrados en Vilafranca do Bierzo. Nesta cita participou o conselleiro de Eduxacion, Xesús Vázquez, que volveu a insistir en que a Xunta segue interesada en manter o programa educativo do galego no Bierzo.

As xornadas continuarán mañá sábado cunha homenaxe ao pai Martín Sarmiento a iniciativa da Real Academia Galega. Será ás seis da tarde no Teatro Vilafranquino e está prevista a intervención do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; e de Henrique Monteagudo, Josefina Garrido e Xosé Antón López Silva. Falarán sobre as perspectivas actuais dos estudos sobre a figura de Sarmiento, a quen a RAG dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2002. O domingo rematarán as xornadas culturais coa posta en servizo, a través de códigos QR, dun percorrido polos espazos biográficos de Sarmiento na súa vila natal, Vilafranca do Bierzo.