Domingo Neira García: «Na homosexualidade algunha alteración ten que haber»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O docente de Maxisterio di que non se considera unha persoa homófoba

28 nov 2013 . Actualizado a las 10:35 h.

Tranquilo e seguro das súas palabras, o profesor de Ciencias da Educación Domingo Neira insiste nos seus pensamentos sobre a homosexualidade e a pederastia. Non recibiu aínda comunicación por parte do decanato ou do Reitorado da Universidade de Santiago da apertura dun expediente sobre os seus comentarios en clase e insiste en que o seu labor é «espertar, motivar e incentivar para seguir» ao alumnado, para que pensen por si mesmos.

-¿Que lle parece a polémica arredor dos seus comentarios?

-Colleume totalmente de sorpresa. Levo moitos anos facendo comentarios sobre asuntos de actualidade na clase e ese día xurdiu un comentario dunha alumna sobre unha sentencia sobre pederastia que ordenaba retirar palabras de Internet. Non imaxinaba que o alumnado fose tan sensible ou influenciable.

-Vostede sostén que a homosexualidade e a pederastia son froito dunha alteración conxénita.

-É a hipótese máis probable. Na década dos 70 a comunidade científica deixou de considerar a homosexualidade unha enfermidade e tamén a OMS quitoulle esa consideración. Outros apuntan a alteracións conxénitas e algunha alteración ten que haber. É un comentario coherente, informado e fundado en lecturas.

-E di que hai un compoñente de vicio.

-As alteracións de tipo conxénito non están demostradas, pero tampouco se ten demostrado o contrario, que non as haxa. No caso de que sexa que non as haxa podemos pensar nun compoñente de vicio. Un estudante preguntou se pode haber tamén algo educativo e o que respondín foi que os contextos e as condicións nas que vivimos determínannos. Penso que non descualifiquei a ninguén, que cada un interprete o que queira. Cando alguén sexa quen de demostrarme o contrario ao que penso cambiarei a miña opinión sobre este asunto.

-A denuncia pública di que vostede falou de que a homosexualidade é contaxiosa e de que as parellas gais non deberían ter fillos.

-Iso non o dixen, só falei no sentido dos valores que se poden adquirir, que os valores e os contextos nos condicionan. Foi a súa interpretación.

-¿Considérase vostede unha persoa homófoba?

-Non, nin moito menos, e non teño problemas cos negros ou cos inmigrantes. Outra cousa é que use datos de actualidade. Unha vez comentei un dato sobre os inmigrantes e as súas cotizacións á Seguridade Social e só dixen que os medios estaban trabucados con ese dato, que se dicía que os inmigrantes ían salvar a caixa das pensións e non van salvar nada.

-Entón non ten problema cos homosexuais.

-Non teño ningún problema mentres non me toquen o cu. [Ri].

-¿Que lle parece que a Universidade abra un expediente sobre este asunto?

-Se a Universidade considera que ten que abrilo, que investigue, pero creo que me coñecen bastante ben e que saben que cando falo falo argumentativamente non son unha persoa que desbarra. Procuro espertar, motivar e incentivar aos meus alumnos para seguir, é a primeira fase dunha lección, e que sexan capaces de pensar por si mesmos, é o meu deber.