«Paso da polémica do escano»

m. cheda SANTIAGO / LA VOZ

OURENSE CIUDAD

«Aínda non o sei», admite preguntado sobre canto acudirá á Cámara

09 nov 2013 . Actualizado a las 10:42 h.

É o único deputado de Alternativa Galega de Esquerda elixido por Ourense, pero hai dez días que non pisa o Parlamento de Galicia. Nado en Toén en 1979, David Fernández Calviño vive agora, por cuestións de traballo, en Copenhague (Dinamarca), a case 2.800 quilómetros por estrada de Santiago. Contra o que tiña pensado facer nun primeiro momento, marchou para alá sen renunciar ao seu escano, por mor dunha crise interna en AGE. Os líderes da coalición non teñen sido quen de colocar no pazo do Hórreo, en troques do emigrado, a quen querían: á número tres da lista provincial, Iolanda Pérez (Anova), e non á dous, Carmen Iglesias (Esquerda Unida). El non aclara se é provisional ou definitivo.

-¿Con que periodicidade ten pensado acudir ao Parlamento a partir de agora?

-O que vou facer e tal aínda non o sei. Depende do grupo parlamentario, non de min. Irei ao próximo pleno, este luns, e a ver que se decide.

-Entón, ¿nin sabe canto tempo vai soster esta situación?

-Non.

-¿Como ve dende o estranxeiro a polémica xerada en Galicia pola súa singular situación?

-Se lle digo a verdade, estou pasando dela. Estoume dedicando a traballar, ás miñas cousas, a estar en contacto coa xente de Ourense... E da polémica polo escano paso bastante porque me parece un pouco absurda.

-No traballo os compañeiros han de estar sorprendidos...

-Os meus compañeiros non ven as noticias galegas.

-¿Non saben que é deputado?

-Si o saben, pero nada máis.

-¡Ah! E parécelles todo do máis normal, claro.

-Home, non é moi normal ver a un deputado traballando nun laboratorio, supoño.

-¿Como é esa viaxe entre Santiago e Copenhague?

-Leva unhas cinco horas, máis ou menos. Hai que coller un avión a Madrid, outro a Dinamarca e logo o tren. Pero aquí pasan cada cinco minutos e da casa ao aeroporto chego en quince. As cousas funcionan de outra forma.

-¿E de cartos? ¿Como é o conto?

-180 euros, por aí anda. Se falamos de ida e volta, o dobre.

-¿Segue a actualidade de Galicia, sabe o que pasa?

-Vexo a prensa todos os días en Internet e despois tamén estou en contacto cos meus compañeiros de Ourense, para seguir un pouco os temas e iso.

-¿Que tal logo a comparecencia do xoves de Baltar no Parlamento, na que Consuelo Martínez, na súa ausencia, tivo que substituílo a vostede?

-Creo que Chelo o fixo bastante mellor do que eu o puidera ter feito. É cañera.

-¿Non cre que unha lea interna por un escano dana a imaxe de AGE en tanto que é unha cousa propia de partidos dos que vostedes, con ese discurso antisistema, dicían distinguirse?

-Non sei, iso xa o dirá o tempo. Ao final, os partidos dependemos das persoas, e as persoas trabucámonos constantemente. Pero para min o importante é que nós sigamos defendendo os nosos principios, defendendo á cidadanía fronte ás agresións dos distintos Gobernos.

-E, con total sinceridade, ¿cre vostede que está a facer, a máis de dous mil quilómetros de distancia de Galicia, esa defensa da cidadanía da que fala?

-Evidentemente, cústame bastante máis. Pero creo que si.

-Así que non pecha a porta a continuar como deputado en Dinamarca toda a lexislatura.

-Non descarto nada.