«Agora o risco de meninxite é igual para todos os nenos»

Ángel Paniagua Pérez
Ángel Paniagua VIGO / LA VOZ

GALICIA

Sanidade non pechará a alerta do colexio de Vigo ata a vindeira semana. Os tres ingresados evolucionan ben

29 ene 2013 . Actualizado a las 13:10 h.

En torno á meninxite xorde sempre unha enorme alarma social. Ocorre estes días en Vigo, onde entre o xoves e o venres ingresaron a tres rapaces infectados do colexio García Barbón no Hospital Xeral. Un deles segue na uci, pero evoluciona favorablemente. Os outros dous están fóra de perigo. O técnico Xurxo Hervada di que comprende a alarma, chama á prudencia e non dá o caso por pechado.

-Moitos pais deixaron aos rapaces na casa hoxe [por onte]. ¿Vostede que faría se fose pai?

-Eu... estou sesgado. Pero atendería ao que me din as autoridades: neste momento, o risco de que o teu neno desenvolva enfermidade meningocócica é igual ao de calquera outro neno de Vigo. Que os nenos vaian ao colexio sen problemas e os pais estean atentos aos síntomas.

-¿Entende esa alarma?

-Si, é unha reacción comprensible dende o medo, aínda que non é fundamentada.

-¿Como se transmite a meninxite bacteriana?

-O inimigo non está no ambiente senón na gorxa das persoas. Hai portadores asintomáticos. Os máximos portadores son os adolescentes de 12 a 16 anos. Pero deses, só un de cada moitos miles desenvolve a enfermidade. A transmisión é aérea.

-¿Como actuaron nestes casos?

-Unha vez que se comunica a sospeita, estúdanse cales son os contactos máis próximos. Nos dous primeiros casos recomendouse profilaxe a toda a aula porque a esas idades [5 anos] interactúan moito entre si. Tamén no domicilio, nas clases de taekuondo e os compañeiros de mesa do comedor.

-¿E no terceiro caso, de 6 anos?

-Tratouse aos contactos máis estreitos da aula e do comedor. O protocolo non aconsella estendelo a todo o colexio nin a todo o comedor.

-Aínda non pecharon a alerta.

-Non. O período de incubación da meninxite é de dez días. Ata dez días despois do venres pasado debemos estar pendentes. E neste caso ampliaremos o período de vixiancia.

-Os pais quéixanse.

-A información sempre é un problema nestes casos. Somos conscientes de que provoca moita angustia. O segundo caso coñeceuse o venres á mañá e o terceiro á noite. Despois convocamos reunión cos pais para hoxe [por onte]. Si, quizais xa o venres se podía ter convocado...

-E houbo problemas coa distribución dos tratamentos.

-Era fin de semana, con poucas farmacias de garda, e agotouse o medicamento... Na fin de semana foi difícil comunicar.

-¿É normal que queden desabastecidas as farmacias de Vigo e se pidan a León?

-Normal non é, pero se desbordaron. Este antibiótico é pouco usado e non tiñan stock. De todas formas, o sábado a última hora xa había suficiente medicación para atender toda a demanda.

XURXO HERVADA subdirector xeral de epidemioloxía do sergas