«Quérennos sacar de diante porque non poden competir con nós»

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

ECONOMÍA

O responsable do pósito ribeirense ve con preocupación o futuro pesqueiro

23 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Patrón maior de Ribeira dende o ano 2009, José Pérez Sieira asegura que o futuro da pesca en municipios como o ribeirense está ameazado por decisións dos grupos de presión que hai na Unión Europea: «As solicitudes de desguaces aumentaron. Hai moitas embarcacións en venta, pero ninguén as merca porque non hai saída».

-¿Cales son os principais problemas do sector?

-As cotas de pesca. Hai moitas pesquerías ás que as embarcacións non poden ir e estanse masificando outras artes. Como todos collemos o mesmo, xúntanse moitas especies e bótase abaixo o mercado. Así non gañamos nin uns nin outros.

-A última foi a do xurelo, ¿como pensa que vai afectar?

-Vai ter un gran impacto social e económico. Non vai influír só no arrastre e no cerco, tamén na flota de baixura, que está collendo o xurelo de xeito totalmente artesanal. Ao pechar a zona oitava, os barcos van vir para a novena e vaise acabar co cupo. Un barco que vai á liña non ten a onde ir porque non poden coller pescada ou xurelo, entre outras especies. Eses barcos non se defenden cunha cousa soa, precisan dunha caixa de cada especie porque coa faneca só non lles da nin para pagar o combustible. Estamos falando de moitas familias.

-¿Onde está o problema?

-É de carácter comercial. Os outros países quérennos sacar de diante porque non poden competir con nós. Está demostrado, cando os galegos poñemos o noso cabalón ou xurelo no mercado, primeiro véndese o noso e logo o de outros países. Cando sacaron o noso do mercado empezouse a vender o outro. En Bruxelas hai un grupo de presión moi forte. Hai moito ecoloxista. Xa pasou co lirio, cando recortaron o 93 % dos topes e resulta que o mar estaba cheo de lirio. E iso por non falar do reparto que se fai, que non é lóxico. Non pode ser que un barco noruego teña tanta cuota como toda a flota española.

-Haberá algún culpable desta situación, pode que non só en Bruxelas.

-Eu non quero botar a culpa. Pode que a Galicia lle falte capacidade de presión. Sempre nos acusan de pescar de máis, cousa que non é certa. A flota galega é a máis artesanal que hai. Nós somos os culpables de coller de máis, ¿e logo o resto non pescan?

-¿Ve algunha solución a estes continuos recortes?

-Deberían analizar como traballamos nós. Sabemos traballar o produto e destinámolo a consumo. Outros países collen moitas máis toneladas e empregan o recurso en facer fariña. Non é normal que España teña que importar peixe para o consumo interno coa capacidade que temos aquí.

-Outro tema conflitivo é o dos descartes.

-Iso é unha loucura. Non pode ser que os barcos teñan que ir escapando do peixe ou que teñas que tiralo morto porque che entrou no aparello. Botar peixe morto ao mar prexudica ao medio. Non ten sentido querer protexer un recurso devolvendo os exemplares mortos, ¿que gañas con iso? O plan de recuperación da pescada, realmente é un plan de destrución.

-A isto únese que os prezos non son moi altos.

-Os prezos non soben, pero os gastos aumentan. Ademais, a Administración cada vez esíxenos máis. Non se dan cursos por falta de fondos, pero nós témolos que facer igual. Hai que renovar os títulos, cada vez hai máis inspeccións, máis requisitos. Pídense medidas de seguridade impresionantes para embarcacións que non traballan a máis de medio minuto de terra.

-Vostede sempre se mostrou moi crítico con estas exixencias.

-Pídennos que teñamos un botiquín cunha cantidade de medicamentos que é desproporcionada. Acaban con nós. O que gañamos só nos da para gastos e iso non pode ser.