Concelleiro por Ribadumia, un municipio por poboación susceptible de fusión, Rafael Louzán Abal (Ribadumia, 1967) sostén que «cada quen terá só as competencias que poida asumir». Confesa que as deputacións téñense cargado de moitas impropias, pero apela ás reformas lexislativas necesarias para clarificar o panorama e declárase firme defensor de acabar coa elección indirecta de deputados provinciais.
-¿Que sentido ten potenciar as deputacións sen adelgazar antes a Administración?
-Eu o que levo manifestado sobre a realidade que me rodea, que é a provincia de Pontevedra, e que o papel que estamos facendo é crucial. Creo que a nosa cercanía, a nosa capacidade de abordar os problemas do futuro inmediato vai por moi bo camiño. ¡Por suposto que teñen moito sentido! Nós, como partido político, somos coherentes e sempre temos manifestado a nosa defensa das deputacións. Hai que ser claros: ou deputacións si ou deputacións non. Ese debate agora está pechado en relación á proposta que acaba de facer o Goberno central. Ata o de agora había moitas institucións intermedias: mancomunidades, organismo comarcais... Se temos uns órganos intermedios como as deputacións, como os hai en toda Europa, ou as pechamos ou as potenciamos.
-Pero vostede móstrase contrario ás fusións municipais na provincia de Pontevedra.
-Primeiro hai que dicir que son voluntarias. A realidade da provincia de Pontevedra é que é a provincia que menos municipios ten, e neste momento a articulación municipal da provincia entendo que é sostible. Hai que ir vendo como vai evolucionando a situación económica e a prestación de servizos. A Deputación está asumindo cada vez máis a xestión de moitos servizos. Se hai unha deputación forte, somos capaces de ter uns concellos sostibles. Pero os concellos poden, por suposto, decidir libremente.
-Pero este afán por asumir servizos leva a xestionar, no caso da de Pontevedra, dende un castelo a unha Cidade Infantil Príncipe Felipe ou unha rede hoteleira.
-Hai que dicir que nos últimos anos probablemente se debeu ter avanzado no que non se fixo e que se está facendo agora: unha Administración, unha competencia. Como a fronte de prestación de servizos se está ampliando cada vez máis, hai que definir quen garante a prestación destes servizos. A Deputación de Pontevedra con 51 edificios, 41 centros de xestión e dous millóns de metros cadrados de superficie, e cun patrimonio elevadísimo temos moitas frontes abertas. Nós o que temos que estar é como piar fundamental para consolidar os servizos que prestan os concellos. No caso de Pontevedra non só nos concellos máis pequenos, senón tamén nos que están entre quince e vinte mil habitantes, que teñen agora mesmo unha serie de servizos que non son capaces de manter.
-Pero esta situación está acabando coa capacidade inversora das deputacións. Dispárase o gasto e baixa a inversión.
-O que podo dicir é que somos a deputación que menos persoal ten das catro que hai en Galicia. Entendemos que era necesario amortizar prazas e fixémolo con cincuenta postos, precisamente para potenciar a colaboración cos concellos. No 2012 a Deputación contratará máis de mil cincocentos traballadores para resolver as prioridades que os concellos nos demandan, a pesar de ser un ano dunha crise brutal, a prestación de servizos como na limpeza de praias ou asesores turísticos. Estamos traballando en moitas frontes. Sei que os cidadáns agora só pensan nunha cousa: emprego. Isto nos serve tamén para potenciar sectores como o turismo. Nós facémolo.
-Os cidadáns demandan servizos, pero tamén un maior control sobre as institucións. E as deputacións son as únicas que non se elixen directamente polos votantes.
-Queda claro que se van potenciar as deputacións, polo que a segunda parte que debe vir agora é a elección directa para lexitimar ás deputacións. Sufraxio directo, que non encarecerá nada o proceso. Igual que se fai nas eleccións xerais, coa elección do Senado e o Congreso, nas municipais pódese elixir alcaldes e representantes na deputación provincial. É algo necesario, nos daría maior cercanía e maior coñecemento por parte do cidadán. É un paso que falta por dar e que eu espero que se avance neste sentido despois de case douscentos anos de existencia das deputacións.
-¿E por que os presidentes das deputacións se eternizan no cargo?
-¿Por que se eternizan? É unha boa pregunta. Eu creo que hai casos e casos. Todo ten un tempo de duración. Hai a posibilidade de limitar os mandatos. A miña opinión é que o tempo irá poñendo a cada quen no seu sitio. No novo marco lexislativo todo isto quedará clarificado.
rafael louzán Abal presidentE da deputación de pontevedra
«Hai que definir quen garante a prestación dos servizos que se dan aos cidadáns»
«¿Por que os presidentes se eternizan no cargo? É unha boa pregunta»