a entrevista

Francisco Jorquera: «Rajoy lévanos ao suicidio co aplauso entusiasta de Feijoo»

O cabeza de cartel da fronte chama á cidadanía a rebelarse nas rúas

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Moito mudaron as cousas dende que a comezos de ano Francisco Jorquera (Ferrol, 1961) fora nomeado candidato do BNG á presidencia da Xunta. Sobre todo na política estatal, onde Jorquera aínda conserva o seu escano no Congreso.

-¿Que consecuencias cre que vai ter para Galicia o plan de axuste de Mariano Rajoy?

-Este país vai sufrir o impacto dunha estratexia que utiliza a crise para recentralizar o Estado e para desmantelar os piares do benestar. Nós xestionamos gasto social, e ao ter que asumir recortes se degradan os servizos. E ante isto, Feijoo prefire ser obediente a Génova que defender a Galicia. Rajoy lévanos ao suicidio co aplauso entusiasta dun presidente da Xunta que parece non darse conta de que o axuste créalle un problema novo.

-¿A cal se refire?

-O discurso que estivo verbalizando é falso. El dicía que coas medidas aplicadas xa en Galicia non ían chegar novos recortes. Agora observamos que se lles impoñen ás comunidades novos axustes, como aconteceu no último Consello de Política Fiscal e Financeira, cunha Xunta que foi a aplaudir.

-Moitos cidadáns se preguntan se hai alternativa...

-Por suposto. Esa é a grande falsidade do discurso da dereita. Por exemplo, poderíase modificar o papel de institucións centrais da UE, como o BCE, que actúa de financeiro da banca privada en lugar de auxiliar aos Estados. Segundo, convendría impulsar unha reforma fiscal indo contra o fraude das grandes fortunas e das grandes empresas.

-¿E cal é a marxe de manobra para aplicar esas recetas?

-Nin o Goberno central pode ser un espectador das políticas que se ditan en Bruxelas, nin o Goberno autonómico pode limitarse a un seguimento acrítico das políticas de Rajoy. Eu sempre poño un exemplo: os países de Latinoamérica saíron do pozo cando empezaron a emanciparse da estratexia do FMI.

-¿Como cre que poden afectar as políticas de Madrid ao calendario electoral de Galicia?

-Nós non imos facer especulacións sobre ese asunto. O Bloque estará preparado para afrontar ese proceso sexan cando sexan as datas.

-Vostedes chamaron recentemente á insubmisión e á rebelión. ¿En que se concretaba iso?

-Nunha invitación aos cidadáns a que se mobilicen. É tamén supón unha declaración de principios do que faríamos se tiveramos responsabilidades de goberno.

-¿Por exemplo?

-Recorrer ante o Tribunal Constitucional a invasión de competencias que supoñen os axustes, votar que non nos consellos... Xusto o que non fai a Xunta de Galicia. Á insubmisión tamén chamou Esperanza Aguirre contra a suba do IVE. E agora ela está completamente calada.

-¿Cal cre que vai ser a factura que vai pagar Feijoo pola crise?

-A nós preocúpanos a factura ao conxunto da sociedade, unha factura brutal, e moi mal distribuída, que conduce ao empobrecemento progresivo das clases medias traballadoras deste país.. Non estamos a facer un cálculo electoral, senón a plantexar unha nova aposta social.

-¿Non cre que a fragmentación da esquerda dificulta moito un cambio político?

-Podería ser. Por iso nós apelamos a que nun contexto como este o que hai que facer é fortalecer aquelas alternativas que representan políticas diferentes. E en Galicia só hai unha: o Bloque. Por este camiño imos converter a recesión en depresión, e temos exemplos de que as receitas aplicadas non conducen a ningures. Basta con mirar o que acontece en Portugal e en Grecia, que están cada vez pior. Nós somos a única forza que advertiu sobre isto.

-¿Non lle preocupa o baixo grao de coñecemento da súa persoa?

-Non me obsesiono con iso, pero son consciente de que para a organización que represento é bo ter máis proxección. Por iso estou facendo un esforzo cunha axenda intensísima.

Francisco Jorquera cre que estamos ante un polvorín social que vai estourar en calquera momento e pide outra política. XOÁN A. SOLER