Rafael Cuíña: «Tiña un acordo co meu pai para non irme mentres vivira Fraga»

Javier Benito
javier benito LALÍN

GALICIA

O fillo do exconselleiro di que un partido galeguista de centro ten oco

16 abr 2012 . Actualizado a las 11:34 h.

Con ruído pero con respecto, Rafael Cuíña, fillo do exconselleiro Xosé Cuíña, deixou a militancia do PP. Apuntala a súa decisión en que «deixou de ser un partido galeguista», para recalcar que «nunca aspirei a ningún cargo nin pedín nada». De posibles aspiracións políticas nun novo proxecto con escindidos do BNG declina pronunciarse, pero di: «Non teño por que pecharme portas nin abrilas precipitadamente tampouco». Para el, hai oco para un partido galeguista de centro.

-¿Tivo chamadas dende o PP tras a súa decisión?

-Tiven chamadas sobre todo de alcaldes do PP e algún deputado, e moi agradecido polos comentarios que me fixeron. Eles consideran que o Partido Popular era a miña casa.

-¿E dos cargos orgánicos?

-Non. Do alcalde de Lalín, que é membro da executiva.

-Afirma que non comparte determinadas políticas do PP. ¿Pode aclarar cales son?

-O PP nos seus estatutos di que é un partido galeguista e eu síntome profundamente galeguista e penso que deixou de ser un partido galeguista, dependente das políticas de Madrid.

-¿É unha decisión meditada?

-Levo bastante tempo pensando deixar a militancia no PP e a liña vermella foi a morte de Manuel Fraga, por un pacto tácito que tiña eu co meu pai. Os meus matices ideolóxicos son diferentes aos do PP, pero non significa que non os respecte, todo o contrario. Eu non vou a falar mal deles. Sempre me sentín moi ben tratado polo presidente da Xunta e do PPdeG.

-Di que perdeu o matiz galeguista. ¿A que se refire?

-Hai unha nova xeración política na actual dirección que non teñen ese sentimento que se tiña noutros tempos con respecto a esta terra, con menos problema en ser dependentes das políticas impostas dende o Estado.

-A súa familia estivo sempre moi vinculada ao PP. ¿Como recibiron a súa decisión?

-Con respecto. Eles seguen tendo moita afinidade co PP, pero saben que con 40 anos un xa toma as súas propias decisións e que eu marche do Partido Popular non significa que sexa un inimigo do PP.

«Non teño por que pecharme portas nin abrilas precipitadamente tampouco»

«A dirección do PP non ten o sentimento galeguista por esta terra»

rafael cuíña aparicio exmilitante do Partido popular