«Haberá unha coalición se non da tempo a un partido plural»

Carlos Punzón
c. punzón REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

A creación dunha plataforma na que se integre todo o nacionalismo á marxe do BNG é folla de ruta do líder de +G

13 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois de recibir numerosas felicitacións ao ser nomeado secretario xeral de Máis Galiza, e invadido polas ideas para o novo proxecto, Xoán Bascuas asegura que o seu partido ten levantado máis expectativas das que agardaba, «e todo iso temos que saber aproveitalo», di.

-¿Síntese liberado o marchar do BNG?

-Esa non é a palabra, porque hai un grado de tristura ao abandonar unha organización na que te criaches e aprendiches, pero tamén hai unha sensación de entusiasmo por facer a política como ti queres e coma ti crees.

-O dicía porque o máis repetido na asemblea de Máis Galiza foi que se sentía asfixia no BNG.

-Cando a xente se expresa libremente utiliza imaxes gráficas, pero a maioría prefire poñer o acento na ilusión dun proxecto novo. Me quedo con iso.

-A súa primeira mensaxe foi para pisar o acelerador cara o centro acusando ao BNG de procomunista, soberanista...

-Procuro non anatemizar ningunha forma de pensamento, todas son lexítimas, pero hai que ofertar á cidadanía un galeguismo posible. Hai un espazo ideolóxico que entendemos está baleiro e queremos ocupalo.

-+G aposta por un amplo espectro pero sen facer unha nova fronte. ¿Como o fará?

-Hai un modo de organización que non é acorde cos tempos que estamos a vivir, hai outras fórmulas nas que podemos coincidir as forzas que estamos chamadas a conciliar, e aí non haberá o menor dos problemas.

-¿Pero será un partido, unha coalición, unha plataforma?

-Ten que ser unha organización o máis unitaria posible. O tempo apremia e ao mellor hai que buscar fórmulas que inicialmente poden dar paso a outras posteriores. Se non pode ser un partido político plural, será unha plataforma electoral, unha coalición ou o que acordemos entre todos. Hai que escoitar.

-¿Se non hai acordos, Máis Galiza concorrería soa?

-Somos xente criada na xenerosidade e solidariedade. Estamos dispostos ao acordo programático para poñer diante de todo ao país. Será difícil non chegar a acordos.

-Con todo, xa dixo que os acordos non estarán dominados polo verbo florido de ninguén, vamos de Beiras.

-Eu tamén teño o verbo florido. Hai que falar desde obxectivos e cuestións pragmáticas.

-Dende o BNG se aposta a que Máis Galiza acabará por ser dominada por Beiras.

-O que hai que facer é traballar non desde o dominio senón cun discurso coral.

-¿Vostede onde quere estar?

-Máis Galiza pode permitirse o luxo de contar con persoas preparadas e capaces de liderar. Eu estarei disposto a participar onde se estime oportuno, pero teremos un liderado distinto, compartido e en equipo.