«Parece que non queda ninguén no BNG e debo apagar a luz. Non é así»

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

SANDRA ALONSO

04 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O portavoz do BNG xustifica as expulsións de concelleiros e asume as baixas voluntarias como as pingas das treboadas que sacoden á fronte. Sostén Vázquez que os factores de convulsión que antes estaban dentro quedan agora fóra do Bloque. Tende a man a Máis Galiza, pero advirte que o seu posto e o do candidato á Xunta son «inamovibles».

-¿Cales son as razóns das expulsións de concelleiros en Cee?

-Pois non ter obedecido a directriz da executiva contraria a facer unha moción de censura en Cee co PP. E, en consonancia con esa desobediencia á dirección, pois son expulsados.

-Hai outras baixas voluntarias do BNG. A hemorraxia non para dende a asemblea nacional.

-Temos que lamentar que haxa xente que, despois dunha decisión da asemblea, abandone o BNG. Pero, máis aló de que as baixas se estean a dar a contagotas, o que pode parecer unha estratexia deliberada, o número é moi reducido respecto ao conxunto da organización. É a crónica dunha baixa anunciada.

-¿Preocupa isto na dirección? ¿Poden facer algo para frealo?

-O BNG fixo unha asemblea exemplo de democracia. Tomamos as decisións que quixo a afiliación e a partir de aí estase a producir o abandono do BNG dun sector de xente. Non é que me vaia alegrar, pero cando a xente non está a gusto, hai que respectar esa decisión. Pero, ao final, despois do divorcio hai vida e haberá vida para o BNG. E ao mellor o resultado é bo para todos, para os que non desexan estar no BNG e para os que si.

-¿E temen novas saídas tras o congreso de Máis Galiza?

-Non teño a bóla de cristal para adiviñalo. No Bloque collen diversas correntes de pensamento. É plural. Quen ten que tomar a decisión non son eu. Pero desexaría, e creo que vai ser así, que unha parte importante do que pode representar esa corrente no BNG siga no BNG.

-Hai logo negociacións abertas.

-Prefiro falar de diálogo. Ás veces esquecemos que no BNG a inmensa maioría dos afiliados non teñen carné de correntes ou partidos organizados no seu seo. Ese diálogo é transversal e todos estamos nese proceso para facer do BNG un lugar cómodo.

-¿Ese diálogo con Máis Galiza pode levar á xente a ocupar unha responsabilidade que mude o reparto de roles da asemblea?

-Pero é que na asemblea as decisións que se tomaron foron sobre portavoz nacional, candidato á presidencia da Xunta e consello nacional e executiva. Eses son inamovibles, por lóxica. Agora, se se refire a que no BNG se pode volver falar das responsabilidades, pois si. Iso está falado dende o primeiro día, plantexado por min. Estamos no proceso de asentar este edificio e cabe falar de moitas cuestións.

-Entón Máis Galiza poderá acudir ao seu congreso con algún xesto da dirección do Bloque.

-O plantexamento do conxunto do BNG, de que o BNG segue sendo a casa común onde teñen cabida formas de pensar diferentes, a defensa dun BNG plural, unido e activo socialmente, iso está sempre enriba da mesa. Non se trata de facer non se sabe que xesto. Ás veces dá a sensación de que xa non queda ninguén no BNG, de que só teño que apagar a luz. E non é así.

-Pero o BNG está no seu momento máis convulso en 30 anos.

-Non vou ocultar a realidade. O BNG está nun momento convulso dende hai algún tempo. O que estamos facendo, por unha vía que quizá non desexaramos, é dar pasos para acabar con esas convulsións, porque esas convulsións que agora aparecen xa fóra do BNG eran factores que as provocaban dentro. Estamos nun momento complicado de acabar de asentar o edificio, pero despois dunha asemblea na que a maioría da afiliación decidiu e trazou un rumbo. Ese é un momento bo para o BNG.

-¿Poderán saír desas convulsións garantindo a pluralidade?

-Estou absolutamente seguro, eu e a inmensa maioría dos militantes. O BNG, na súa formulación actual, segue a dar resposta ás necesidades deste país. Nós si temos alternativa e propostas á política da dereita e da emperatriz Merkel. Os nosos problemas son os problemas da xente. E a iso nos temos que dedicar.

-¿Ficar no BNG é conservador, como di Beiras?

-Home, non. Ser do BNG, ser nacionalista e falar galego, é o moderno. Para ben ou para mal, lle guste a quen lle guste, somos a forza que en Galicia plantexa a alternativa no económico, no social, na identidade nacional, ata nas relacións individuais. Isto é o moderno e o futuro.

«As convulsións que ahora aparecen xa fóra do Bloque eran factores que as provocaban dentro»

«Ser do BNG e ser nacionalista é o moderno» [en resposta a Xosé Manuel Beiras]

guillerme vázquez portavoz nacional do Bloque nacionalista galego