«Pretendo deixar o meu selo»

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

O novo presidente da Deputación ourensá é entrevistado no mesmo despacho que ata hai só uns días ocupaba o seu pai. José Manuel Baltar Blanco di estar vivindo estes primeiros días con «responsabilidade e auténtico orgullo», mentres comenta que instalou o wifi porque o seu pai non tiña nin ordenador. Aínda así, preguntado por si prefire a entrevista en galego ou castelán, demostra que algunhas cousas non cambiarán: «Se se da a posibilidade, sempre en galego».

-Vostede xa repartiu responsabilidades aos seus deputados. ¿Estaba equivocada a xestión personalista do seu pai?

-Non ten nada que ver. Eu chego a unha Administración e pretendo deixar o meu selo. Desde os primeiros días, deixar claro que é unha cuestión de equipo, de compartir información, de fixarse obxectivos.

-¿Tería vostede chegado ata aquí sen ser fillo de quen é?

-Iso si que é política-ficción. Eu teño unha cousa clara, José Luis Baltar non votou a este presidente da Deputación, non introduciu unha papeleta. Son presidente provincial desde hai dous anos do PP. O comité electoral provincial non barallou outro nome para ser candidato, ratificouno por unanimidade e o comité electoral nacional do PP tamén. E o apoio inequívoco da dirección autonómica é máis que rotundo.

-Unha das marcas da xestión do seu predecesor foron as subvencións directas. ¿Manterá ese tipo de axudas?

-Non vexo que exista ningún comportamento anterior desta Deputación que fora unha illa con respecto ao que fan outras Administracións. É unha actuación completamente legal.

-¿É lóxico ter máis de 800 empregados na Deputación e 16 porteiros no Centro Cultural?

-Esa é unha cuestión que determinado líder político lanzou. Dixera 33 e o outro día dixo corenta e pico, así que cada día medraba o número de porteiros. Parece que algunhas críticas só queren manchar o nome desta institución e aquí se está para traballar. Hai un persoal que efectivamente pode redimensionarse. De feito, nos últimos meses se pasou de ter un volume de 300 contratados laborais a 150.

-¿É lóxico manter un centro ecuestre con perdas superiores ao millón de euros?

-Ese caso concreto e outros que pode haber son os que temos que revisar, pero non cun afán primordial de suprimir, senón de ver a rendibilidade, pero non só a económica. Eu non me nego a falar nada.

-¿Cal debe ser o futuro das deputacións?

-Se pode reformular absolutamente todo, pero non se pode pasar por alto que a deputación e a provincia teñen un recoñecemento constitucional. Hai que evitar duplicidades, e as veces triplicidades, para que os beneficiados sexan os que teñen que ser.

josé manuel baltar blanco presidente da deputación de ourense