Jesús Vázquez vén de poñerse á fronte dun Gaiás aínda carente de plan estratéxico. Asume o mando tamén estando paralizados dous dos seis edificios.
-¿Cal é a súa intención, retomalos ou ben cancelalos?
-Galicia neste momento non se pode permitir novas infraestruturas culturais. A decisión [de paralizalos] foi valente e supuxo un aforro multimillonario. Agora toca traballar en positivo, rendibilizando o construído para devolver á sociedade o custe invertido. Ata o 2014 non hai máis que decidir.
-O feito de aparcar ata decembro do 2013 a cancelación definitiva dos contratos pode transmitir a idea de que a Xunta, en realidade, non sabe que facer, que non ten proxecto...
-Hai unha situación económica moi grave que a Xunta está a afrontar con austeridade e rigor. Coa situación de crise, a decisión [de paralizar] foi a correcta.
-¿E non é ilusorio crer que o escenario vai mudar en meses?
-A decisión adoptada é reversible ou continuable.
-É dicir, non fará o exercicio de resolver se quere un Gaiás de catro ou de seis edificios...
-Agora imos tratar de centrar todos os nosos esforzos nos catro edificios existentes, tratando de buscar unha rendibilidade, de abrilos á sociedade e de convertelos nun referente. Por iso nas próximas semanas presentaremos o plan estratéxico Gaiás.
-Ese plan leva anos de demora. Só nos últimos dez meses a súa exposición retrasouse tres veces. ¿Para cando exactamente?
-Está sendo traballado con todo o esmero e está a piques de ser rematado. Só faltan unhas cuestións colaterais.
-¿A piques que é?
-Nunca me gusta dar cifras.
-¿E non é un pouco surrealista que o primeiro plan estratéxico do Gaiás chegue 11 anos despois de iniciadas as obras?
-[Silencio prolongado] Ata este momento unicamente estaban abertos dous edificios, que serán catro a partir do verán. Facer un plan estratéxico hai cinco anos, cando non tiñas nin o primeiro, non tería sentido.
-Pois no Guggenheim de Bilbao fixérono á inversa: primeiro plan e logo obras. ¿Erraron, logo?
-Bueno, non. O Guggenheim non levou a traxectoria que levou a Cidade da Cultura. Xa tiña un modus operandi detrás... Non son comparables.
-¿E como se vai financiar no futuro, de onde sairán os recursos para gastos correntes e de programación: da empresa privada, dos visitantes...?
-O plan dirá esas cuestións.
-Xa, pero ese documento debería determinar se o recinto será nalgún momento autosuficiente. Se o seu orzamento de gasto vai estar equilibrado co de ingresos sen ter a Administración que compensalos con capital.
-O complexo é da Xunta e, por tanto, de todos os galegos. A todos debemos pedir certa racionalidade nesas cuestións.
-Racionalidade pide o sector, polo menos parte del, que denuncia que a programación do Gaiás deixa sen fondos outras iniciativas. ¿Que responde?
-O noso labor é ese, achegar o Gaiás a toda a cidadanía, a todos os sectores. Ten que haber, por suposto, unha complementariedade. Unha cuestión non pode eliminar á outra e viceversa.
-¿E van continuar coas dúas fundacións vinculadas ao complexo, a pública e a mixta, ou fusionaranas?
-Esa é unha cuestión que no seu momento estará no plan.
-¿Estima ese plan o número anual de visitantes?
-Para este, en torno ao medio millón. O resto será presentado no seu momento.
-Non quere roubarlle os titulares a Feijoo, seica.
-Efectivamente.
-Este verán abrirá o museo cunha exposición sobre a historia de Galicia a través da pedra, logo montarán unha de coleccionismo privado... ¿E máis adiante que?
-Xa estamos a traballar en posteriores exposicións.
-¿Como vai cubrir o baleiro que deixará de maneira inminente o director de Acción Cultural do Gaiás ao marchar?
-Marchará en semanas e xa estamos empezando a buscar a unha persoa que poida actuar como dinamizadora culturalmente do Gaiás, substituíndo o bo facer de Nacho [Santos Cidrás].
-Polo que di, non o vai elixir por concurso público...
-Non.
-¿Está intentando a Xunta adquirir obra pictórica das caixas de aforros para levala ao Gaiás?
-[Tras negar coa cabeza] Galicia ten unhas coleccións privadas marabillosas, entre elas as das caixas, pero nós non demos paso ningún de adquisición. Galicia non está neste momento para adquirir obra de arte e si para axudar a manter, conservar e potenciar o que xa temos. A Cidade da Cultura e calquera infraestrutura da Xunta está aberta para ese tema.
-O probable fracaso do Gaiás sería seguro se non funcionase fóra, sen presenza internacional da marca, sen tirón turístico. ¿Que está a facer a Xunta para que sexa algo máis que un centro receptor de excursións de xubilados e cativos?
-[Silencio] Esa interpretación é dura, creo que non é xusta.
-¿É que pensa que só con iso pode sobrevivir?
-Non, non, non... Evidentemente, un dos principais obxectivos do plan estratéxico é o posicionamento da Cidade da Cultura a nivel internacional.
-¿Buscando alianzas?
-Alianzas e tamén posicionamentos, buscando rendibilidade. Podemos errar, pero intentarémolo.