«A corda non se pode tensar, e o profesorado enténdeo»

e. álvarez / m. cheda SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Vázquez admite que xa se lle pediron moitos esforzos aos docentes

05 feb 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Dende o seu novo despacho con vistas ao Gaiás -compaxina os dous, o de Educación e o de Cultura-, o novo superconselleiro encara o último ano de mandato co obxectivo de consolidar os programas postos en marcha por el, e polo seu predecesor na Consellería de Cultura.

-De cara a estes meses, ¿que retos ten en mente?

-O importante é consolidar aquelas iniciativas que ao longo destes tres anos puxemos en marcha tanto no eido cultural coma no educativo. Todo dentro da capacidade que ten a Xunta, porque non esquezamos que as competencias están en man das autonomías, pero moitas veces quen fixa a lei e polo tanto quen condiciona custe e investimento son as normas de ámbito nacional. A nosa capacidade de manobra moitas veces está restrinxida a certo tipo de proxectos.

-Feijoo dixo que ía ser complicado manter servizos esenciais. ¿Que se recortará en educación?

-Levámoslle pedido moitísimos esforzos á comunidade educativa. É un momento de traballar da man e de buscar entre todos ese entendemento. Non é unha tarefa doada, porque as competencias ás veces veñen marcadas por normas de carácter nacional que obrigan a poñer en marcha cuestións que non porías, ou farías doutra maneira.

-¿Non se lle van pedir entón máis esforzos aos docentes?

-Evidentemente todos os días imos pedir novos esforzos porque nestes momentos de crise, onde cada día cambia a situación, nunca estamos libres de tratar de buscar unha maior eficiencia na dispoñibilidade dos nosos recursos, pero entendemos que se fixeron moitos esforzos. Imos seguir traballando, pero non estamos falando de novos axustes en canto a plantilla ou outro tipo de medidas.

-¿E de reducir concertos cos colexios privados?

-Non. Hai un decreto e unhas leis que amparan os concertos. Primeiro, como membro do PP, creo na liberdade de elección das familias, dereito ademais recoñecido pola Constitución; segundo, hai unha lei que os ampara; e terceiro, cumpren un papel moi importante.

-Este curso hai retraso no pago aos libreiros, aos comedores, aos colaboradores deste servizo... ¿Non hai cartos?

-Evidentemente todo isto obedece a unhas circunstancias económicas que todos coñecemos. Esperamos nos vindeiros días atopar unha solución para os libreiros, e nas vindeiras semanas, para os colaboradores.

-¿Vanse manter as axudas para os libros de texto?

-A data de hoxe non corren ningún risco. Cando se cambiou o modelo de préstamo polo de gratuidade real fíxose para apoiar ao que máis o precisa. Neste sentido seremos o goberno máis social que tivo Galicia.

-Rajoy xa dixo que a reforma laboral lle vai custar unha folga. ¿Teme vostede outra no ensino?

-Non, porque estamos actuando con total coherencia. Sempre recoñezo o magnífico labor do profesorado e intento explicar a grave situación que padecemos. A corda moitas veces non se pode tensar, e o profesorado enténdeo. Podemos compartilo ou non, pero enténdese.

-Pois os docentes deixaron de facer actividades extraescolares en sinal de protesta.

-Non é algo xeralizado, e cando adoptamos as medidas non o facemos só pensando na sociedade e nos cativos, senón tamén no profesorado ao que lle temos que garantir a súa sostibilidade. Todo o mundo pode manifestar a súa contrariedade, e as actividades extraescolares non forman parte do currículo e non podemos actuar.

-¿Parécelle irresponsable?

-Pediría comprensión, unión e non utilizar a educación como arma política nin arrozadixa.

JESÚS VÁZQUEZ ABAD cONSELLEIRO DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

«Normas estatais obrígannos ás veces a poñer en marcha proxectos que non fariamos»

«Eu pediría que non se utilizase a educación como arma política»