«A escola non é tan determinante para a lingua vehicular do neno»

Valentín García Gómez, o novo secretario xeral de Política Lingüística proponse acadar consensos en torno ao galego

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

Asume o cargo de secretario xeral de Política Lingüística sabendo que a principal tarefa desta lexislatura, o decreto das linguas no ensino, xa está feito, pero cun obxectivo moi presente, recuperar a pax lingüística perdida cando se rompeu o consenso político, logo de décadas de acordo ao redor do galego.

-¿Que valoración fai do primeiro ano e medio de aplicación do decreto do ensino?

-Non hai incidencias nin ningún tipo de problema realmente salientable con respecto á aplicación deste decreto. Consideramos que era unha norma que quería a sociedade e por iso non houbo ningún problema.

-Moitos profesores declaráronse insubmisos á esta norma. ¿Non se abriron expedientes?

-Non temos ningún tipo de percance que sexa digno de apertura de expediente, nin moito menos, á marxe dalgún axuste moi puntual. A comunidade educativa está totalmente satisfeita e non houbo problemas, nin por parte dos mestres nin por parte dos pais.

-¿Os rapaces rematan o ensino obrigatorio con máis competencia en galego ou en castelán?

-En Galicia, pola proximidade das dúas linguas esta dificultade non é tal. Depende moitísimo do entorno en que o neno medre, de onde se críe, e non depende tanto da escola. Isto dino pedagogos de renome, ata qué punto a escola incide na competencia lingüística dos rapaces.

-¿Non inflúe tanto, entón?

-Efectivamente, é moito máis determinante o ámbito no que se move, o familiar, e no que falan os seus amigos. A escola non é tan determinante para fixar a lingua vehicular dos nenos e nenas. Iso non quere dicir que non sexa un lugar fundamental á hora de promover e estender o uso do galego, pero temos claro que non vai ser o único.

-O Xabarín xa non pode axudar.

-Unha das nosas liñas de actuación prioritarias para esta etapa é precisamente o actuar sobre a poboación infantil e xuvenil. Estamos negociando coa TVG para incluír na grella o programa Axóuxeres para nenos de cero a seis anos. O Xabarín foi un éxito e un gran logro para a política lingüística deste país, pero as modas mudan e temos que esforzarnos por estar sempre actualizando contidos.

-Derrogaron o decreto do galego no ensino do bipartito aludindo que xeraba conflito. ¿Non era máis político que real?

-Un conflito había, porque a ruptura do consenso prodúcese co decreto do bipartito. Non é Feijoo quen o rompeu, iso é algo que se intentou vender despois, xa estaba roto de atrás. Era unha promesa electoral e está funcionando. Ademais introduce unha terceira lingua no ensino de camiño a unha sociedade plurilingüe, que é na que nos imos mover. Se algo vai ser obxecto de revisión na formación regrada iso son as linguas, e o galego ten que buscar o seu espazo.

-Ao mellor con tanto inglés quédase sen el.

-Non, porque o galego é lingua propia e un patrimonio que o pobo ten como tal. O que hai que buscar son espazos de uso.

-¿Que falta para volver ao pacto pola lingua?

-Falar, atoparnos e concienciarnos de que a lingua é de todos. Está para entendernos e temos ámbitos nos que ninguén discute que hai que potenciala, como o económico, a partir de aí podemos traballar todos.

-¿Pódese chegar ao consenso con este decreto do ensino?

-Si, porque está demostrado que o decreto non é nin a solución total nin a solución final da lingua. Hai que antepoñer a finalidade social de presenza da lingua na sociedade a un aspecto concreto que é regular o número de horas de galego no ensino.

-¿Vai facer a consulta aos pais?

-Non está previsto facer nada.

valentín garcía gómez secretario xeral de política lingüística

«Non foi Feijoo quen rompeu o consenso na lingua, xa

estaba roto»

«Se algún obxectivo teño ese é alcanzar un certo grao de ??pax?? lingüística»

García Gómez co mapa sociolingüístico de Galicia, unha ferramenta esencial no deseño das políticas de normalización. xoán a. soler