«Tentaremos que a reforma da PAC prorrogue as cotas lácteas alén do 2015»

La Voz

GALICIA

A conselleira di que o sector primario é o gran esquecido para xerar emprego na crise

29 ene 2012 . Actualizado a las 16:12 h.

En contra de todos os prognósticos, a última remodelación do Goberno galego rematou coa fusión de dous departamentos que boa parte da historia autonómica estiveran separados: o agro e o mar. A nova consellería do sector primario, azoutado en Galicia por unha grave crise estrutural, caeu nas mans de Rosa Quintana por decisión de Feijoo. «Pedímoslle sacrificios á cidadanía, e o normal é que dende as Administracións demos mostra desa implicación», xustifica a fusión a conselleira.

-Vostede mira ao medio rural como alternativa á crise, pero o sector lácteo agoniza. ¿Como valora a súa situación?

-É unha actividade fortemente atomizada, onde os produtores teñen pouco peso na cadea de valor. Por iso defendo que é momento de xuntarnos para potenciar todos os elos. Un dos puntos positivos da nova política agraria común (PAC) é a posibilidade de agrupar produtores para facer contratos homologados e que poidan ter peso para negociar prezos.

-¿Que lle vai demandar ao Goberno nesas negociacións con Bruxelas?

-Urxencia para que non sexamos os últimos en entrar nese camiño. Aínda sen entrar en vigor o novo regulamento comunitario, os franceses xa aplican o modelo de contratos homologados.

-¿Por que Galicia segue tendo un prezo más baixo no leite que outras autonomías?

-A diferenza está nun céntimo, pero está inducido ao mellor pola estrutura que ten o sector. En Galicia trabállase con leite fresco, e debemos ir buscando outros produtos de transformación que nos dean máis valor engadido. Esa é a liña que comezou Samuel Juárez, e eu vou continuar.

-¿Está preparada Galicia para a supresión de cotas lácteas no ano 2015?

-Non sei se o imos conseguir, pero tentaremos que a nova reforma da PAC prorrogue as cotas alén do 2015. Xa llo propuxemos ao ministro na última reunión hai dúas semanas. Esta comunidade precisa unha aterraxe suave.

-¿Por que razóns?

-Para chegar a ese punto de supresión debemos ter organizado o sector, que haxa contratos homologados, e de ver novas saídas que teñan os nosos produtos. Entre o 70 e o 80 % do noso leite reúne as condicións para venderse como cen por cen galega, e só comercializamos o 18 %.

-Un dos riscos da nova PAC para Galicia é que as axudas estarán vinculadas á extensión das explotacións...

-É unha das propostas coa que non estamos de acordo. Imos defender que siga existindo un acoplamento, é dicir, que se valore o esforzo que fan os nosos agricultores por traballar en superficies máis pequenas.

-Coa remodelación caeulle a pataca quente dos incendios. ¿Vai continuar coa política de Juárez?

-Si, tolerancia cero cos delincuentes. É necesario reformar o Código Penal para endurecer as penas e, sobre todo, que a xente entenda que este é un problema de toda a sociedade. Gastamos ao ano 30 millóns en apagar lumes. E eses cartos non son produtivos. A próxima semana reunireime cos portavoces dos grupos parlamentarios para plantexalo.

-¿Para tratar?

-Para chegar a un pacto e deixar de utilizar os lumes como arma política. Para entre todos nós ter claro que aos incendiarios hai que illalos na sociedade. Faise moita demagoxia coas críticas ás medidas de prevención.

-¿Vai facer algún cambio no servizo de extinción?

-Non os contemplo porque é o mellor que hai en toda España. Creo que os galegos debemos estar moi orgullosos do traballo que fan todos os brigadistas e o persoal de prevención e extinción.

-Un terzo de bosque galego está infrautilizado, ¿que van facer para sacarlle proveito?

-Continuar coa estratexia de organización do territorio xa en marcha, que se concreta na lei de mobilidade de terras e no proxecto de concentración parcelaria. Neste país hai 320.000 fincas, unhas 5.000 hectáreas de terreo, que son de propietario descoñecido. Hai que convencer á xente de que o minifundio e o illamento non conduce a ningures.

-Un ve un medio rural despoboado, cada vez máis vello e sustentado en actividades de escaso rendemento. ¿Como pode axudarnos a saír da crise?

-As noticias negativas impiden ás veces ver a outra parte. E se eu lle digo que cada ano se incorporan 300 mozos á actividade agrogandeira. Pois é certo. Fun a primeira sorprendida ao ter coñecemento do dato. Hai oportunidades. Con moito éxito, o Reino Unido consegue vender leite fresco, con etiqueta de calidade. Ese produto págase máis caro que o que se somete a tratamento de pasteurización. O agro e o mar son unha oportunidade para Galicia neste mundo globalizado. Hai 9.000 millóns de persoas que alimentar nun mundo globalizado.

rosa quintana carballo conselleira de medio rural e do mar

«O 80 % do noso leite poderíase vender como galego, e só se saca o 18 %»

«Neste país hai 320.000 fincas que son de propietario descoñecido»