Fraga na Galicia autonómica

Ramón Villares

FIRMAS

22 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que Galicia nunca foi para Manuel Fraga un simple lugar de veraneo, a súa acción política só adquiriu unha presenza sistemática na nosa terra a partir das eleccións de 1981 e da posta en marcha do réxime político da autonomía. Pode parecer unha ironía que unha autonomía considerada como nacionalidade histórica polos redactores da Constitución de 1978, en cuxo título VIII certamente pouco empeño puxo o propio Fraga, acabase por ser o acubillo para a súa terceira e máis longa experiencia de goberno, despois de ter sido ministro dúas veces, nos tempos da ditadura e da transición. E, sen embargo, nada permitía esperar este protagonismo en Galicia para unha figura cun cursus honorum vencellado estreitamente á elite profesional e política da Administración central.

As razóns obxectivas polas que Fraga acabou por chegar á política autonómica non eran de todo previsibles: foi o recoñecemento, explicitado por el mesmo ante algúns amigos de vello, de que non tiña ningunha chance de chegar a presidente do Goberno español. A fortaleza política do PSOE de Felipe González, algúns erros tácticos de Fraga (referéndum da OTAN) ou a propia crise na que entrou o seu partido en Galicia despois do barreirazo foron algunhas desas razóns. E aconteceu o inesperado, que Fraga se instalou politicamente en Galicia, onde gobernou durante catro lexislaturas seguidas con maioría absoluta no Parlamento.

Neste punto, interesa máis explicar o estilo de goberno despregado por Fraga en Galicia que as razóns que o trouxeron á política autonómica, porque o seu longo período de presidente da Xunta, sen entrarmos en matices de erros e acertos, é unha lección extraordinaria sobre a natureza da sociedade galega e a súa peculiar cultura política e sobre as calidades de Fraga para se adaptar perfectamente a elas. Se houbese que resumir en poucas palabras as súas ideas-forza como gobernante, podería dicirse que foron poucas pero moi eficaces. Logrou unha rápida adaptación á realidade autonómica, mediante a posta en circulación de ideas como a autoidentificación ou a Administración única. Logo, procedeu a unha ocupación de espazos civís e externos ao ámbito da política, favorecido pola súa coñecida hiperactividade que non precisaba dunha estrutura organizativa complexa. E, finalmente, todo este proceso de ocupación da política galega foi acometido sen necesidade dunha forte socialización nin dun especial rearme ideolóxico que dera en chamarse fraguismo, ao modo dun gaullisme á francesa. Deixo á marxe a súa figura individual, que poderá ser obxecto no futuro das análises biográficas que poñan orde en milleiros de entrevistas, libros, intervencións e mesmo anécdotas que estes días foron evocadas.

O que haberá que explicar máis polo miúdo, sen recorrer a xaculatorias de orde moral, son as razóns profundas que fixeron posible o longo mandato de Fraga como presidente desta autonomía, o elevado consenso social, de carácter interclasista, que logrou concitar e, sobre todo, a lexitimación moral que soubo adquirir coa súa aproximación á dimensión simbólica da tradición cultural galega. Para comentaristas e observadores políticos que nestes días se ocuparon da traxectoria autonómica de Fraga, o asunto central parece ser o de explicar por qué Galicia tivo a sorte ou a desgraza de ter sido gobernada por el. Para min o cerne do asunto sería explicar por qué a sociedade galega aceptou, mesmo con algunha ledicia, este retorno dun político adobiado cos valores propios dun fillo pródigo. Porque sempre é preferible explicar o que nos pasa, no canto de lle botar á culpa aos demais.

Por

PRESIDENTE DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA