«O Goberno está por retrasr o AVE para no poñer máis diñeiro»

GALICIA

PORTAVOZ DO BNG NO CONGRESO DOS DEPUTADOS O dirixente nacionalista asegura que sen un verdadeiro compromiso do Estado con Galicia nos vindeiros Orzamentos, a alta velocidade non chegará ata o ano 2020

08 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Acaba de participar no que será o seu derradeiro debate sobre o estado da nación, antes de deixar o escano no Congreso, pero fíxoo acadando un amplo acordo político para acelerar as grandes infraestruturas de Galicia, pacto do que se desligou o Grupo Socialista do Goberno. -Se nesto non están os que pagan as obras, ¿non é coma unha vitoria pírrica? -Pero o acordo é moi claro, e cando se teñan que negociar os Orzamentos hai que pensar en contemplar polo menos dúas partidas especiais para as infraestruturas que se reclaman dende o Congreso, polo tanto é unha difícil papeleta para o PSOE. -¿Por que non aceptou a emenda do PSOE? -Porque era ilexíbel, non sabían nin eles o que poñía, pero tampouco querían cambiala. Foron un pouco apresurados e prepotentes. -A Xunta engánchase de xeito inapelable á data do 2012 para a chegada do AVE e o PP fala do 2015. ¿Que data ve máis realista? -Cun comportamento correcto por parte do Goberno e unha boa planificación do investimento, podíase acabar no ano 2012-2013 a conexión con Madrid e con Portugal. Pero se o Goberno vai marear a perdiz, dicindo de boca que si, pero non cos feitos, entón a data pode ser o 2020. -¿Cre que lle andan mareando a perdiz? -Creo que o Goberno está por retrasar todo o que poida o AVE para non poñer máis diñeiro. Ten claro que vai facer o eixo a Atlántico e o treito Santiago-Ourense, pero non queren coller ningún compromiso máis. -No 2003 comprometeuse unha rede máis ampla... -É completamente errado apostar só por esos dous treitos, porque con poucos cartos máis podíanse ir planificando novas obras, avanzándoas. Para empezar a execución do treito Lubián-Ourense bastarían 18 millóns e 12 millóns máis para Ferrol-A Coruña. -¿Que compromisos de investimento lle vai esixir ao Estado para apoiar os Orzamentos? -Que cumpran o nivel de investimento deste ano, o 8% como mínimo, pero cunha planificación para que o eixo atlántico que incorpore os enlaces con Ferrol e con Oporto para que podan empezar as obras no 2008, ao igual que algún treito máis avanzado do Lubián-Ourense. -Iso foi o que lle rexeitaron no Congreso. -Eu non digo que as obras empecen en xaneiro, pode ser en xuño, en setembro, pero que empecen, porque así o deseño da alta velocidade quedaba xa perfectamente establecido sen perigo. -Iniciar tódalas obras e rematar ningunha. -Esa é a forma de quedar enganchados ao investimento, con toda a rede, porque existe o perigo de que veñan dificultades económicas, que virán, e que se atenda só aquilo que esté comezado. O problema para Galicia está aí, por iso temos que vincular os enlaces con Ferrol e Porto e a saída cara á Meseta. -O seu tono denota que a relación entre as dúas forzas que gobernan na Xunta non pasan polas mellores horas. -O PSOE tenta quedar ben sen gastar nada, sen darlle nin auga ao BNG para que non apareza con trunfos. Teñen un compromiso do que van a facer, pero non queren dicir cándo nin que llo esixan. -¿Qué papel lle compete á Xunta no impulso do AVE? -O PSOE de Galicia é o primeiro interesado en desfacer esa imaxe de que é o nacionalismo o que consigue as cousas, cando Touriño tería que mirar máis polos intereses do país que polos do seu partido. Eu tamén podía permitirme o luxo de ser menos incisivo co AVE se o presidente da Xunta o fora algo máis, pero non, Touriño sempre está de acordo co que lle din en Madrid. -¿Non cre que estas críticas cruzadas debilitan ao bipartito da Xunta? -¿E por que?, cada quen estamos a defender os intereses de Galicia onde nos toca, e o do AVE é un interés converxente a favor de Galicia. -Os acordos postelectorais nos concellos, ¿marcharon como prevía? -Nuns sitios mellor e noutros peor, porque as realidades locais teñen a súa complexidade, pero en liñas xerais cumpríronse os obxectivos. -¿Que lle impide ao BNG entrar nos gobernos de Lugo ou de Ferrol? -¿Qué pintamos no goberno en Ferrol cando o electorado nos puxo na oposición?, non aportaríamos nada nese bocadillo entre dúas forzas. En Lugo, en cambio, hai uns antecedentes e se Orozco quere empregar a prepotencia, pois terá que tragala, porque non vamos a gobernar para ser convidados de pedra.