San Ramón ou balón

Estevo Silva Piñeiro SOSPECHOSO HABITUAL

FUTBOL GALLEGO

29 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 31 de agosto, día de San Ramón, é festivo local en Boiro. Sen dúbida é un dos meus días favoritos para ir á praia de Carragueiros ou para pasear con Bilbo por un pobo practicamente fantasma grazas a que a invasión turística toca ó seu fin e a que un tanto por cento enorme de boirenses peregrina a Bealo para honrar ao santo cun día de excesos digno dunha tribo normanda.

Mais este ano acontece unha cousa ben distinta, unha cousa que pode que xamais volva a acontecer: o meu estimado Club Deportivo Boiro xoga por primeira vez na súa historia a Copa de Rei.

Recoñezo e comprendo que non moita xente senta este agarimo polo clube boirense, ninguén é perfecto, pero debutar no senlleiro torneo do KO ben merece achegarse o mércores ás oito da tarde a Barraña incluso sendo republicano.

O rival a bater é o Guijuelo, berce dun xamón excepcional pero dun equipo «correoso» e difícil de marcar, mais ó Boiro conta co beneficio do factor campo, é dicir, se gaña o partido en Barraña pasa á seguinte eliminatoria, novamente fronte a un Segunda B. E se continuamos a «fantasear» cun hipotético futuro, se o Boiro é quen de volver a bater ó próximo rival en Barraña, nunca se sabe quen pode tocar no seguinte sorteo.

Pero vaia, vaticinios fantasiosos aparte, os que seguimos ao Boiro dende que eramos mozos tócanos vivir unha tempada histórica -probablemente non carente de polémicas- pero xa que o clube chegou a onde chegou, os compañeiros e un servidor estaremos alentando coma sempre nas bancadas do municipal.