Na memoria de Ana Viqueira e Borobó

Ramón Ares Noal
Moncho Ares CRÓNICA

FUTBOL GALLEGO

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O destino é paradoxal, sorprendente; incluso duro, incerto, inexplicable. Para o venres pasado reservoume unha xornada de dor e pena polo pasamento de Ana Viqueira Amor á que despedimos na Coruña nun entrañable e emocionante acto no que Xosé Hermida, seu marido, meu amigo da alma, dirixiu unhas palabras que compendiaron a muller combativa, profesional, compañeira, divertida, prezada e querida por moitos, moitísimos, que foi. Verbas que provocaron bágoas e risas. Tamén críticas coa profesión e co poder. Profundas, que convidaban á reflexión e á lembranza dunha xornalista de raza, amiga de manterse nun segundo plano, pero que tivo a virtude de chegar ao infinito a través das noticias que a axencia Efe facía chegar a todos os medios e que, nós, os informadores, sabiamos da súa autoría polas siglas AV que avalaban o seu traballo, sempre rigoroso, que aparecían ao final das súas pezas periodísticas.

Ana Viqueira foi xenerosa cos compañeiros, disposta a botarnos unha man, a ensinarnos a camiñar cando, este que asina, por exemplo, daba os primeiros pasos no mundo da información hai trinta anos. Amaba esta comarca, amaba Boiro, a praia de Barraña, tanto que, por lembrar un feito recente, cando o equipo de fútbol acadou o ascenso a Segunda B o 29 de maio colgou na súa páxina de Facebook: «¡Con gallardía y nobleza!», frase do antigo himno que probablemente moitos seareiros actuais descoñecen. Para os que aprendemos dela, os que a queremos, vai seguir estando aí, nese discreto segundo plano, aínda que non vexamos a súa AV nas noticias da axencia.

Ese destino, caprichoso e inxusto, impediume estar no acto para conmemorar o centenario do nacemento de Raimundo García Domínguez, Borobó, que se celebraba en Boiro case á mesma hora que a despedida de Ana Viqueira na Coruña. Certamente, a efeméride exacta foi o domingo 10 de xullo, e con tal motivo, publicouse nestas páxinas unha colaboración de Xoán Guitián que percorría a figura do poliédrico autor dos Anacos. Coa distancia que marcan os corenta anos que separaban a Borobó e a Viqueira, tiveron en común, por exemplo, que desenvolveron parte da súa profesión na redacción do Preguntoiro compostelán, con La Noche e El Correo Gallego, respectivamente; foron combativos e inquedos, mestres xenerosos para todos os que quixemos aprender deles; figuras necesarias en tempos duros; amigos de Boiro.

Xa vos botamos de menos nestes tempos que abondan «telepredicadores» que cambiaron os altofalantes polas redes sociais para estender o seu «fundamentalismo» contra a nobre tarefa de informar con responsabilidade.