Coma na casa, en ningures

Jorge M. Deza GOL NA MALATA

FUTBOL GALLEGO

27 ene 2015 . Actualizado a las 18:55 h.

As caixas de mantecadas que por segunda vez na temporada (a primeira fora na confrontación de Copa del Rey en setembro) lanzaron ás bancadas os xogadores do Atlético Astorga en sinal de promoción do produto gastronómico máis coñecido da capital maragata no seu ano de estrea na división de bronce presaxiaban un encontro doce para os intereses do Racing de Ferrol nesta 22ª estación ligueira.

Instalados na saborosa inercia e no saudábel hábito de ganar na Malata (xa levan nove triunfos seguidos, algo que nunca fixera antes o club verde no Terceiro Nivel ligueiro dende que éste se denomina Segunda B), os de Manolo García construíron a súa merecida vitoria con paciencia, seguridade, ganas, detalles sostidos de calidade, tremenda confianza e total resolución. Iso si, a principal tara deste equipo, a defensiva, volveu por enésima vez a saír a relucir nos dous tantos astorganos. Este Racing carece das doses necesarias de concentración nas accións de defender e por aí veñen goles perfectamente evitábeis.

Por sorte, os de onte á tarde non chegaron a poñer en perigo a consecución dos tres puntos (a superioridade ferrolá foi clara), nin sequera cando Rubén poñía un desacougante 3 a 2 a case media hora da conclusión. Foi, sen dúbida, o partido de Fernando Macedo da Silva, Nano. Era a novidade, e eclipsou ao asunto Dalmau (xa non había nin hai asunto, por sorte) completamente. O coruñés, até o momento única fichaxe invernal, demostrou que levar dende setembro adestrando co equipo que te acaba de fichar é unha vantaxe para as dúas partes.

Pero o veterano futbolista evidenciou, asemade, moita motivación, boas sensacións e un saber estar sobre o campo moi interesantes, presionando con criterio e facendo de escudeiro de Joselu nun segundo período no que coroou a súa primeira presenza coa Branquexada cun golazo de falta directa ao máis puro Pablo Rey style. Cando colla máis ritmo competitivo vai axudar moito a este equipo. O Racing de Ferrol regresou ante os maragatos a un once máis normalizado na pinta e no reparto de roles. Dani Rodríguez ao seu sitio, Diego Vela no que lle tocaba, etc.

Mais a mancadura de Iván Forte pouco despois de cumprirse a primeira media hora destapou os problemas dun plantel que agora só ten ao eldense como centrocampista defensivo tras a marcha/fuxida de Iosu Villar (que hoxe debutou co Marbella, derrotado no seu feudo ante o Villanovense). Tras o reparto gastronómico previo ao asubío inicial, o match resultou bastante movedizo e pelexado dende o comezo. Ollouse a un Racing botado sen vergonza nin disimulo sobre a área rival, famento de gol (as mantecadas eran para os afeccionados), con Vela inxectando problemas polo lado dereito coa súa velocidade supersónica e un moi activo Joselu dándolle pautas e propostas aos seus compañeiros no baile de pases, deixadas, desmarques e aperturas de ocos ante a tupida liña de retagarda forasteira, ao que se unían gustosos Adrián Cruz, menos profundo na chegada pero igual de sólido que en choques precedentes nas disputas; Vela, que mesmo non se cortaba un pelo á hora de ir ao remate de centros feitos por Joselu (o mundo ao revés); ou Pablo Rey, moi presente e voluntarioso pero menos preciso que o acostumado, quizais acusando os problemas físicos que esta semana case o afastan do once.

Todos eles estiveron aí, poñendo rostro ao monólogo ofensivo verde merengado pero sen o acerto desexado ante a porta do pelado Javi. Tocaba agardar. Daba a sensación de que o noso equipo ía brindar un deses cuartos de hora iniciais electrizantes doutras ocasións. Foi así pero, provisionalmente, sen goles. Os ferroláns non se decidían a tirar cando correspondía (Adrián Cruz probaba sempre que podía pero co punto de mira desviado), encaracolando demasiado a xestión do balón na frontal con innegábeis alardes técnicos individuais que os castelán­leoneses, ben xuntos polo centro, sacaban con acerto (e apuros). E cando os de Pepe Calvo atoparon un respiro para saír á contra, o primeiriño da tarde, mollaron. Centro preciso e precioso de Borja e remate cómodo e efectivo de Ivi á rede ante un Jonathan Aspas despistado. Unha chulada.

A empanada local foi importante na acción. Pero non imos quitarlle mérito aos astorganos nin cargar máis da conta aos nosos porque nesta ocasión ollamos a un Racing bastante seguro de si mesmo, case sempre ben colocado e en moitos momentos coa mobilidade necesaria para dominar e controlar. O 0 a 1 era pura anécdota. Os da outrora urbe naval xa saben convivir co déficit defensivo, fundado na falla de talento (algo que vén de fábrica) e de concentración, isto último demasiadas veces nesta liga. Hai calidade abondo no medio e arriba para resolver, dixémolo numerosas veces e mirámolo outras tantas nesta temporada. Pero atrás urxe fichar a un central e andar máis atentos, especialmente en accións a balón parado.

Así a todo, considero que moi mal ten que poñerse a cousa para que este equipo, hoxe por hoxe, perda na súa casa. Soa demasiado solemne, audaz. Exaxerado quizais. Pero en realidade é así, por riba da entidade de cada rival. Cando o Racing está polo labor, e co feeling axeitado, demostra que sabe resolver. Por todo iso e máis non tardou demasiado en chegar o que tiña que chegar, que era o empate. Sensacional xogada de Joselu con centro dende a esquerda rematado a gol, de tiro cruzado dende dentro da área, por Pablo Rey.

A raíz do tanto o Racing, lonxe de lanzarse polo segundo gol, tornouse contemplativo, máis estático, con proliferación do pase protector atrás, con moita crema pero pouca pomada, como unha páxina web que vai entrar seguro pero que non se acaba de cargar. Os visitantes, por descontado, aproveitaron a coxuntura para alternar perdas de tempo, caídas polo chan e entusiastas accións de ataque e posesión que eran un primor. Iso si, sen perigo algún para Mackay.

O fragmento final do primeiro tempo foise deixando polo camiño o ritmo e os momentos interesantes que amosara nos inicios e cousas dignas para ser contadas. Mentras, o marcador da Malata, cutre e paupérrimo en grao sumo, sinalou un 0 a 1 dende, aproximadamente, o minuto do gol de Pablo Rey até pouco antes do descanso, e logo xa un sempiterno 0 a 0 como se non fose con el a película, talmente á súa bola, con ocasionais avistamentos de mensaxes ?extraterrestres? en luminoso vermello paixón no panel inferior e finalmente apagón (non houbo relampos desta volta), como sempre.

Abaixo, no céspede, quedaba o desenlace do espectáculo para o segundo tempo. Nel o Racing entrou con moita forza e con Nano como protagonista. Foi a antesala do gol de Dani Rodríguez, que empalmou á rede un despexe co puño de Javi nunha xogada nacida dun centro de Vela. O tanto do betanceiro poñía por diante aos ferroláns por primeira vez no encontro. Co 2 a 1 o Racing deu un paso atrás, freou o seu ritmo e dedicouse a marear á perdiz. O Atlético Astorga ía apagándose pouco a pouco e só unha cagada defensiva local poderia metelo no partido. Non foi así porque a tarde tiña reservado para o minuto 60 un fermoso lanzamento de falta a cargo de Nano dende o lado esquerdo da área maragata que se colou por toda a escuadra da porta de Javi. Estupendo gol dos que saben a vitoria e despexan camiños.

Ou non, porque unha falta botada dende o lado esquerdo da portería de Mackay (á marxe desta xogada anotamos un soberbio despexe do hispano­escocés a tiro de Asier Arranz na parte final do encontro) rematouno coa testa Rubén, rodeado de merengados observadores, con sinxeleza e comodidade abraiantes. Nova empanada ártabra. Porén, ese segundo gol non ulía a perigo porque era o Racing o que, con ritmos alternos, mandaba en realidade e nos astorganos non había moita máis tea que a que ardía. Por se quedaban dúbidas, Joselu encargouse de pechar a tenda co seu gol, sorteando ao pelado Javi na súa saída e impulsando o coiro á rede antes do cruce dun defensor. O xesto do ribeirense foi intelixente e propio da súa natureza de goleador. É o seu sétimo tanto particular nesta liga.

Vitoria, en suma, xusta e moi importante nun partido entre un equipo casado cos tres puntos cando xoga no seu feudo (que dure!) e outro sen a penas opcións, que aproveitou os marabillosos agasallos locais pero tivo que probar a calidade rival para acabar encaixando catro tantos como está mandado. O Racing, segundo equipo máis goleador do Grupo e tamén en diferencial de goles tras esta 22a xornada, segue na estela da fase de ascenso a Segunda A, agora con 38 puntos no peto, a tres da U.D. Logroñés e o Guijuelo (que volveu a perder, ollo ao dato!) e a catro do segundo, o Real Murcia. A semana que vén, en Zamora, terá o conxunto ferrolán un novo exame da asignatura que peor se lle dá: ganar lonxe da Capital da Mar.